Clusaga organiza o webinar “Presentación do catálogo Hub4Food de servizos de apoio á innovación”, que terá lugar o xoves 9 de outubro ás 13:00h.
O obxectivo desta sesión en liña é dar a coñecer ás pemes alimentarias o catálogo de servizos de apoio á innovación ofertados por Clusaga, subvencionados a través do proxecto Hub4Food. A través destes servizos preténdese apoiar ás pemes alimentarias de Galicia para que melloren as súas competencias en innovación e sostibilidade e desenvolvan novos produtos alimentarios innovadores.
Á súa vez, Clusaga lanza unha convocatoria de manifestación de interese para que as pemes alimentarias galegas poidan solicitar os servizos xa dispoñibles.
Este encontro organízase no marco do proxecto europeo Hub4Food (Atlantic Food Innovation Hub), coordinado por Clusaga. Cada un dos clústeres participantes en Hub4Food (BIA Innovator Campus – Irlanda, Clusaga – España, InovCluster – Portugal e Valorial – Francia) preparou o seu propio catálogo de servizos para apoiar ás pemes alimentarias das súas rexións nos seus procesos de innovación. Hub4Food está cofinanciado por Interreg Atlantic Area.









