O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Clúster TIC, o workshop “Apoios a proxectos de Industria 4.0 do sector alimentario en Galicia 2020” co obxectivo de crear un espazo de intercambio de ideas entre as pemes da industria que queiran aumentar a súa competitividade mediante a dixitalización e a industria 4.0
A xornada terá lugar o xoves, 13 de febreiro, en horario de 09.30 h a 13.45 h no edificio FEUGA (Lope Gómez de Marzoa, s/n Campus Vida, Santiago de Compostela). Nela, o Igape presentará a convocatoria para o ano 2020 de Proxectos Agrupados Industria 4.0. Pola súa banda, Clusaga explicará os diferentes servizos que ofrece no ámbito da dixitalización, incluíndo as axudas que se concederán no marco do proxecto europeo S3 Food e os apoios por parte do Digital Innovation Hub industrial de Galicia, iniciativas nas que participa de maneira activa.
Ademais, a xornada incluirá unha mesa redonda na que as empresas participantes na anterior convocatoria de Industria 4.0 presentarán os seus casos de éxito. Así mesmo, realizarase unha sesión de pitching, onde empresas ou centros tecnolóxicos presentarán brevemente a súa oferta tecnolóxica en industria 4.0.
Finalmente, a sesión brindará a oportunidade de realizar reunións bilaterais para que empresas alimentarias atopen socios tecnolóxicos cos que colaborar.