Xantar Networking “Impulsa a túa marca. Os datos desmenten os mitos do marketing”

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza o vindeiro 20 de xaneiro, de 13.00 a 15.30 horas, o Xantar Networking “Impulsa a túa marca. Os datos desmenten os mitos do marketing”. A xuntanza, enmarcada na Área de Mercados de Clusaga, terá lugar no Hostal dos Reis Católicos (Santiago de Compostela).

Análise do comportamiento de mercados e consumidores

O evento está encamiñado a pór en valor as fontes de información en relación a análise do comportamento de mercados e consumidores nun contexto de incerteza, no que o consumo consciente, a información detallada e o propósito das marcas teñen adquirido enorme relevancia para os decisores da compra nos fogares.

A celebración deste networking permitirá afondar na utilidade dos datos da man de César Valencoso, Consumer Insights Consulting Director en Kantar e experto en técnicas de investigación de mercados, quen compartirá coñecemento e experiencias que axuden a entender mellor o comportamento do consumidor e identificar novas tendencias e insights.

Así mesmo, o xantar favorecerá o intercambio de inquedanzas con outras empresas do sector de alimentación e bebidas de Galicia,  facilitando o debate e creación de sinerxías de cara a afrontar os retos da conxuntura económica e social que caracteriza a nosa contorna.

Asistencia ao Xantar Networking

A participación require de inscrición previa a través do formulario que aparece a continuación, e do pagamento do prezo do Menú (45 euros/persoa). O prazo para apuntarse finaliza o 11 de xaneiro ás 15.00 horas. Para máis información pode consultar o programa ou contactar con Clusaga no teléfono 881 043 687 ou no correo insights@clusaga.org

Detalles da programación de eventos

  • 20 Xaneiro 2023
Compartir
Engadir ao Calendario