O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza o vindeiro 18 de Marzo, de 13:00 a 15:30, o Xantar Networking “Tendencias 2026: futuro do sector agroalimentario”. A xuntanza, enmarcada na Área de Mercados de Clusaga, terá lugar no Hotel Palacio del Carmen en Santiago de Compostela.
O evento está encamiñado a ofrecer unha visión estratéxica sobre os principais cambios que están a redefinir o sector agroalimentario, nun contexto marcado pola dixitalización, a sostibilidade, a trazabilidade, a eficiencia produtiva e a evolución das demandas do consumidor.
A celebración deste networking permitirá afondar nestes retos da man de Juan Francisco Delgado, experto en innovación e desenvolvemento tecnolóxico no ámbito agroalimentario, quen presentará o Informe de Tendencias 2026, un documento de referencia que analiza a evolución do sector cara a un modelo máis intelixente, conectado e baseado en datos
Durante a súa intervención, abordará as principais forzas que están a transformar a cadea agroalimentaria, facendo especial fincapé no papel da intelixencia artificial, a analítica avanzada de datos, a automatización de procesos e a dixitalización do campo á industria como motores de competitividade. Así mesmo, exporá como estas tecnoloxías permiten mellorar a toma de decisións en tempo real, optimizar recursos, incrementar a rendibilidade das explotacións e avanzar cara a modelos máis sostibles e resilientes.
O relatorio tamén profundará noutras tendencias clave como a agricultura de precisión, a robotización, a trazabilidade integral da cadea de valor, a economía circular, a personalización da oferta alimentaria, os novos hábitos de consumo e a necesidade de cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e administracións para afrontar con éxito os desafíos do mercado global.
A través de casos prácticos e experiencias reais, Delgado achegará unha folla de ruta para que as empresas poidan anticiparse aos cambios, identificar oportunidades de innovación e transformar os datos en vantaxes competitivas.
Así mesmo, o xantar favorecerá o intercambio de inquedanzas con outras empresas da cadea alimentaria galega, facilitando o debate, a posta en común de boas prácticas e a creación de sinerxías que impulsen a colaboración e a innovación conxunta.
A participación require de inscrición previa a través do formulario que aparece a continuación, e do pagamento do prezo do Menú (50 euros/persoa). O prazo para apuntarse finaliza o 11 de marzo ás 15.00 horas. Para máis información pode consultar o programa ou contactar con Clusaga no teléfono 881 043 687 ou no correo global@clusaga.org









