Xornada de peche da Formación en Comercio Internacional do Programa Competemar 2024

O Programa Competemar 2024 é unha aceleradora de internacionalización executada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e financiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar, que busca apoiar ás empresas dos produtos do mar na súa entrada a mercados exteriores, potenciando a súa competitividade e asegurando o seu crecemento sostible.

Para logralo, está a proporcionar un paquete completo de servizos para impulsar a implantación internacional e o desenvolvemento comercial das empresas participantes, cuxa primeira medida foi o Curso en Comercio Internacional que finaliza a vindeira semana despois de cinco sesións formativas.

Tras abordar temáticas chave como as estratexias de internacionalización, identificación de mercados con potencial de crecemento, marketing dixital, loxística, operacións internacionais ou feiras e misións comerciais, o alumnado recibirá un diploma pola súa participación nesta xornada de peche que, organizada por Clusaga, terá lugar o 3 de xullo, de 9.30 a 13.30 horas, no Hotel AC Palacio del Carmen (Santiago de Compostela).

Unha vez celebrado o acto institucional de entrega de diplomas, Eloy García, presidente de Conxemar, levará a cabo unha introdución a esta Feira, para dar paso á derradeira das sesións formativas, que versará, precisamente, sobre as feiras como forma de promoción internacional, e que impartirá Mª Ignacia López, socia fundadora de In&Out international e Export Manager de Magus Cheese.

Despois da pausa café, Javier Fraga, director de ABANCA Mar, presentará unha serie de servizos para a internacionalización que están a ofrecer dende a entidade bancaria; mentres que Ramón D. Fernández, xefe do servizo de mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica; Felicidad Fernández, responsable de Comercio, Internacionalización e Promoción de ANFACO-CECOPESCA; e Augusto Álvarez-Borras, director da Área de Promoción Internacional do IGAPE, abordarán as diversas oportunidades e apoios á internacionalización das empresas do mar nunha mesa redonda.

A xornada, que está enfocada ao alumnado do Curso en Comercio Internacional do Programa Competemar 2024, é aberta ao público, polo que aquelas persoas que formen parte de empresas de produtos do mar con interese en acudir a esta sesión de peche, poden confirmar asistencia a través do correo international@clusaga.org ou do teléfono 881 023 853 antes do 2 de xullo ás 14.00 horas.

Event Schedule Details

  • 3 Xullo 2024
Compartir
Engadir ao Calendario