Xornada | Envases alimentarios sostibles: Ecodeseño, marco lexislativo e papel dos SCRAPs

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza este encontro empresarial para dar a coñecer entre o sector alimentario o novo marco lexislativo en materia de envases de produtos alimentarios e as obrigas que implica; as ferramentas de ecodeseño que poden apoiar a redución do impacto ambiental dos envases; e os diferentes Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAPs).

Esta xornada enmárcase na actividade da Comisión de Sustentabilidade e Economía Circular de Clusaga, e ten o obxectivo de axudar ás empresas alimentarias galegas a anticiparse aos cambios e a adaptarse rapidamente ás novidades lexislativas relacionadas co Pacto Verde Europeo.

Así, o encontro supón unha plataforma para o intercambio de coñecementos e experiencias entre expertos e empresas do sector, fomentando a colaboración e a innovación na busca de solucións sostibles.

Programa

O evento, que terá lugar o 12 de setembro, de 9.30 a 13.00 horas, no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela), incluirá dous relatorios e dúas mesas redondas, contando coa participación de entidades como ECOEMBES, ECOVIDRIO, PROCIRCULAR, CARTÓN CIRCULAR, IMPLICA, ENVALORA e PUNTO GRETA.

Adicionalmente, as empresas alimentarias asistentes a este encontro terán a posibilidade de axendar reunións individuais coas entidades SCRAPs que participan na xornada.

Inscricións

Para asistir ao evento, que é de balde, é preciso rexistrarse antes das 14.00 horas do 11 de setembro na ligazón que aparece a continuación. Para máis información sobre este encontro empresarial pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo circular@clusaga.org ou no teléfono 682 616 021.

Event Schedule Details

  • 12 Setembro 2024
Compartir
Engadir ao Calendario