Xornada “Proteínas alternativas na industria alimentaria”

O  Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organizará o 26 de maio ás 10.00 horas a xornada “Proteínas alternativas na industria alimentaria”. O evento terá lugar nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra (Lugo) da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo da xornada é mostrar avances, tendencias e casos de éxito relacionados coa innovación no desenvolvemento e aplicación de proteínas –especialmente proteínas alternativas– na industria alimentaria.

Programa da xornada

No evento abordaranse, entre outros aspectos, as oportunidades das microalgas, dos fungos e dos insectos como fontes alternativas de proteína, así como diferentes tecnoloxías relevantes, concretamente o cultivo celular in vitro ou a extrusión proteica.

Contarase coa participación de poñentes dos centros tecnolóxicos ANFACO-CECOPESCA, Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e AINIA. Tamén asistirán coma relatores dos seus casos de éxito representantes das empresas Granja Campomayor, ODS Protein, Galinsect, Neoalgae e MOA FoodTech.

Despois das diferentes intervencións, o programa inclúe dúas visitas das que se poderá escoller unha: ás instalacións da APLTA ou aos grupos de investigación do Campus Terra LHICA (Hixiene, Inspección e Control de Alimentos) e ASAVDNA (Análise sensorial, valoración nutricional e desenvolvemento de novos alimentos).

Grupo de Traballo 1

Esta xornada organízase no marco do grupo de traballo 1 de “Alimentos e ingredientes innovadores, seguros e saudables adaptados ás tendencias de consumo” promovido pola Comisión de Innovación de Clusaga.

Os grupos de traballo da Comisión de Innovación de Clusaga teñen por obxectivo facilitar espazos de networking innovativo e xeración de ideas de colaboración entre os distintos axentes do ecosistema de innovación galego con intereses nestas temáticas.

Event Schedule Details

  • 26 Maio 2022
Compartir
Engadir ao Calendario