O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan a “Xornada sectorial laboratorios e demostrador ciberseguridade industrial de Amtega: Sector alimentación” o 12 de maio de 2026 no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela). Este encontro ten como obxectivo principal incrementar o nivel de sensibilización do sector alimentario fronte aos riscos, ameazas e retos actuais da ciberseguridade industrial (OT), así como promover a adopción de medidas prácticas e aplicables aliñadas coa madurez das empresas.
A sesión comezará cunha apertura institucional a cargo do representante de Amtega, e de Juan José De la Cerda, CEO de Clusaga. Tras esta intervención, José A. Cascallana, director dos laboratorios IC, realizará a presentación da xornada. A continuación, Ángela Inés Rodríguez González, avogada experta en cibercompliance, abordará as claves da normativa aplicable no sector, dende a directiva NIS2 á lei CRA.
Posteriormente, celebrarase o debate sectorial titulado “Oferta e demanda en ciberseguridade: ¿Matrimonio de conveniencia?”, moderado por Josefina Alonso Nocelo, Directora de DIHGIGAL. Esta mesa redonda fomentará o intercambio de experiencias e boas prácticas reunindo a referentes da industria e do ámbito tecnolóxico como Carlos Eloy López Blanco, Risco Dixital en Corporación Hijos de Rivera S.L.; Antonio Villanueva, IT systems Administrator Manager en CEAMSA; Estefanía Soto, Socia Fundadora e CEO de authUSB, S.L.; Rafa Villaverde, Fundador e CEO de cloud.gal; e Víctor Lorenzo Dávila, Director TIC de Grupo Cuevas.
Tras unha pausa para o café destinada a favorecer o contacto profesional, a xornada continuará cun bloque eminentemente práctico orientado a achegar as capacidades do laboratorio ao tecido empresarial. Neste espazo realizaranse demostracións de casos de uso sobre unha maqueta de proceso industrial real e un exercicio de roleplay ante un ciberincidente coa participación dos asistentes, poñendo a disposición dos membros do clúster estes recursos públicos de apoio.
As prazas son limitadas. Para participar é necesario inscribirse a través do formulario que aparece a continuación. Para máis información, pode consultarse o programa completo ou contactar con Clusaga no correo bdm@clusaga.org e no teléfono 881 023 853.









