A industria galega láctea xera máis de 1.000 millóns de euros de volume de negocio e máis de 2.000 empregos directos, polo que é unha das cadeas de valor con maior importancia socioeconómica na Comunidade, representando, ademais, o 60% da gandería e o 40% da produción leiteira en España. Do mesmo xeito, o sector lácteo conta cunha grande intensidade de innovación en todas as fases da súa cadea de produción, onde a dixitalización e a sustentabilidade das explotacións son as dúas liñas fundamentais de actividade.
Neste contexto, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza a xornada “Tecnoloxías dixitais na mellora de procesos de calidade, rastrexabilidade e produción para un sector lácteo máis sostible”, un encontro que servirá para amosar iniciativas e servizos a prol da innovación no sector lácteo. O evento terá lugar o vindeiro 26 de abril, de 9.30 a 13.00 horas no Edificio FEUGA (Campus Vida, Santiago de Compostela).
Na convocatoria 2022B do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs), promovido polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Clusaga deu pulo a tres iniciativas colaborativas enfocadas á transformación dixital do sector lácteo galego, dada a súa relevancia. O obxectivo principal do evento é presentar os resultados deses proxectos de transformación dixital coordinados por Clusaga, así como coñecer outras iniciativas na mesma liña promovidas por socios do Clúster. O encontro será tamén un espazo onde coñecer novos servizos e oportunidades, facilitando tamén o networking.
Na xornada exporanse proxectos levados a cabo neste eido polas entidades socias de Clusaga Himikode, Medrar Smart Solutions e Vacún de Galicia. Asimesmo, presentarán os seus resultados os proxectos de dixitalización do sector lácteo coordinados por Clusaga e implementados por empresas socias Milktelligence e Smart4Cheese, e o interclúster NEXADA.
En concreto, Milktelligence aborda a necesidade do sector lácteo de mellorar a súa produtividade mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores clave para a industria láctea; Smart4Cheese impulsa a dixitalización sostible e integral no sector lácteo de queixerías a través de tecnoloxías innovadoras de fotónica online e algoritmos avanzados; e NEXADA explota o potencial de I+D+i do nexo auga-dixital para dar resposta aos desafíos do sector lácteo, entre outros.
En materia de servizos, o Clúster presentará Innpulsa, un dos catro que integran o novo catálogo de prestacións para socios en 2023, composto polas Modalidades Innpulsa (In)forma, enfocado á busca de financiamento para proxectos de innovación ou dixitalización, e Innpulsa Proxecta, orientado a dar apoio personalizado ao longo de todo o ciclo de vida dun proxecto destas características. O bloque de servizos o pechará DIHGIGAL coa exposición das prestacións que ofrece para a transformación dixital da industria alimentaria.
A asistencia a esta xornada é aberta baixo inscrición previa. Para formalizala, é preciso apuntarse no formulario que aparece a continuación antes do 25 de abril ás 15.00 horas. Para máis información, pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo innovacion@clusaga.org ou no teléfono 629 991 023.