O proxecto Cluster Excellence Improvement through cluster Exchange for Industry 5.0 (AgriFoodX5.0) ten como obxectivo fortalecer a colaboración e o intercambio de boas prácticas e coñecemento entre clústeres para mellorar as súas capacidades de xestión e garantir servizos de excelencia aos seus membros.
Ademais, busca ofrecer ás pemes dos clústeres un programa de servizos baseado na excelencia para avanzar cara ao concepto de Industria 5.0 mediante a incorporación dos seus valores (un enfoque centrado no ser humano, na dixitalización, na formación e capacitación dos empregados, particularmente en habilidades dixitais, na eficiencia no uso de recursos e na transición cara unha economía circular) no sector agroalimentario.
As actividades de AgriFoodX5.0 dirixidas a empresas incluirán a organización dun hackathon, eventos de matchmaking e a promoción do esquema ClusterXChange, que apoia a organización de estancias curtas no estranxeiro para aprender doutras organizacións, explorar oportunidades de crecemento en novos mercados ou adoptar novas tecnoloxías, dixitalización e solucións verdes baixas en carbono. Un intercambio pode durar desde tres días hábiles ata un mes.
AgriFoodX5.0 é un proxecto europeo financiado polo “European Cluster Excellence Programme with ClusterXchange scheme”, parte do programa COSME. O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) é un dos socios de AgriFoodX5.0, no que colabora con outras catro organizacións: Lithuanian Innovation Centre (LIC, coordinador do proxecto), Lithuanian Food Exporters Association (LitMEA), Associação do Cluster Agro-Industrial do Centro (Inovcluster), Latvian Food Products Quality Cluster (FPQC).
Obxectivos e actividades de AgriFoodX5.0
Os obxectivos específicos de AgriFoodX5.0 inclúen:
- Desenvolver e implementar unha estratexia e carteira integral de servizos para os membros dos clústeres participantes
- Potenciar as competencias dos equipos de xestión dos clústeres
- Implementar actividades conxuntas para fortalecer a colaboración entre os clústeres participantes
- Implementar actividades conxuntas (hackathon, eventos de matchmaking) para promover a adopción da innovación, a dixitalización e a economía circular polas pemes
- Facilitar estancias curtas de membros de clústeres noutras organizacións europeas