Business Factory Food (BFFood) é a aceleradora do sector alimentario de Galicia. Ten por obxecto implementar programas de apoio ao emprendemento e consolidación de proxectos especializados no sector alimentario e á súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables.
Obxectivos de BFFood
- Acelerar e consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado
- Afianzar o tecido empresarial e industrial do sector galego
- Atraer talento nacional e internacional
A aceleradora nace para resolver os retos expostos polas empresas do sector. Para iso lanza diferentes convocatorias, cada unha delas cuns retos concretos, aos que os proxectos candidatos deben dar resposta.
Para os proxectos participantes, BFFood conta con dous programas específicos de apoio: aceleración -enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial- e consolidación -dirixido a empresas xa constituídas cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas-.
A través das súas dúas modalidades de apoio, de aceleración e de consolidación, BFFood ten capacidade para cubrir as distintas etapas de evolución de calquera proxecto de emprendemento, desde as fases máis temperás, de ideación, ata as máis maduras, onde se trata de consolidar un modelo de negocio que produza vendas recorrentes.
Recursos a disposición dos proxectos participantes
- Mentorización. Cada un dos proxectos contará cun mentor específico pertencente a unha das empresas tractoras de BFFood , con carreira e experiencia no ámbito concreto do proxecto.
- Formación. Cada participante terá acceso a un programa de formación xeral e específica adaptada ás súas necesidades co fin de que adquira os coñecementos necesarios para lanzar e consolidar o seu proxecto.
- Networking. Entre os proxectos e as distintas institucións, empresas e entidades do sector alimentario para favorecer a creación de pontes e vías de comunicación que incrementen a visibilidade das iniciativas.
- Acceso a un catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos. Será posto a disposición dos participantes tanto por parte das empresas como das entidades colaboradoras.
- Instalacións e espazo de traballo. Os proxectos poderán instalarse nalgunha das instalacións postas a disposición polas entidades colaboradoras. Así mesmo, dispoñerán dun espazo de traballo con salas de reunións e zona de coworking en Santiago de Compostela.
- Posibilidade de financiamento específico. Os proxectos terán apoio económico a través de GAIN (a fondo perdido) e XESGALICIA (a través de préstamo participativo).
Consorcio de BFFood
Trátase dunha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado (XESGALICIA) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A aceleradora conta coa dinamización, xestión e coordinación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e co apoio de grandes empresas tractoras do sector e a colaboración de universidades, centros tecnolóxico, asociacións empresariais e outras entidades.
Empresas beneficiarias
- ODS PROTEIN
- INSECTOS DE GALICIA
- MOBITEC
- ASUQUE
- SISTRAV
- HEROOI
- Smart Vitamins