O proxecto Circularize ValUe CHains across European Regional Innovation Strategies (C-VoUCHER) pretende xerar novas cadeas de valor cun enfoque de economía circular, combinando cadeas de valor industriais (industria agroalimentaria, saúde, industria do mar, téxtil e fabricación) con tecnoloxías facilitadoras.
Este proxecto recibe financiamento do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea, e está a ser executado por un consorcio formado por 13 socios de seis países diferentes (Dinamarca, Francia, España, Polonia, Romanía e Suecia), entre os cales se atopa a Axencia Galega de Innovación (GAIN). O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) apoia a GAIN na difusión e visibilidade das diferentes convocatorias para atraer a participación das empresas do sector da alimentación galegas.
Que ofrece C-VoUCHER?
Para conseguir o obxectivo, C-VoUCHER concede apoio económico a pemes europeas e conta con dous tipos de convocatorias: Programa de Circularidade e Programa de Replicación da cadea de valor.
No Programa de Circularidade as empresas deseñan novas solucións de circularidade durante 9 meses e concédenselles cheques de ata 60.000 euros e servizos de deseñadores en residencia e mentores que os guían durante o desenvolvemento do programa.
Pola súa banda, no Programa de Replicación da cadea de valor, as pemes obteñen 15.000 euros para crear plans de viabilidade circular durante 3 meses.