O proxecto do Clúster Alimentario de Galicia Programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar 2024 (Competemar) é unha iniciativa que serve coma aceleradora da internacionalización das empresas galegas da industria do mar. Está financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar.
Obxectivos do proxecto
O obxectivo de Competemar é potenciar e mellorar o factor da competitividade para asegurar o crecemento sostible do sector dos produtos do mar. A tal fin, establécense tres obxectivos centrais:
- Identificar novos mercados internacionais de oportunidade para o sector.
- Dotar ás empresas do sector de ferramentas útiles que lle faciliten a toma de decisións na adopción de novas estratexias de comercialización, optimizando os recursos dispoñibles, e que incrementen a súa competitividade nos mercados obxectivo.
- Implementar un sistema de cheques destinados a apoiar a participación das pemes nas misións internacionais organizadas no marco do proxecto.
Para isto definiuse unha estratexia baseada en proporcionar un paquete completo de servizos para impulsar a implantación internacional e o desenvolvemento comercial ao grupo de empresas participantes.
Recursos a disposición das pemes participantes
O proxecto oriéntase a dous mercados obxectivo para o sector dos produtos do mar que están en fase de definición, orientados polas expectativas e intereses das empresas galegas do sector. A estratexia internacional estará dirixida a estes dous mercados, pero parte do apoio formativo e capacitación está deseñado dende unha perspectiva global.
Os recursos aos que terán acceso as empresas participantes en Competemar son:
- Programa de formación e capacitación. Ofrecerase un programa formativo ás empresas centrado en comercio internacional, a través do cal terán a oportunidade de recibir apoio e recomendacións para desenvolver unha estratexia personalizada de internacionalización.
- Servizo de información sobre negocios e mercado obxectivo. Poranse a disposición informes do sector e de cada un dos mercados obxectivo seleccionados, ademais de xornadas informativas sobre os mercados seleccionados.
- Misións comerciais, eventos B2B, matchmaking e networking nos mercados obxectivo.Competemar organizará axendas B2B en misións comerciais para as empresas seleccionadas.
- Cheques de internacionalización. Implementarase un sistema de cheques destinados a apoiar a participación das empresas nas misións internacionais de 2.000€.