IA40WASTE (Investigación industrial baseada en intelixencia artificial para previr e predicir mermas nos procesos da industria alimentaria) é un proxecto estratéxico que ten por obxectivo promover a eficiencia dos procesos produtivos da industria alimentaria minorando as mermas de produción na etapa industrial a través da investigación no uso intensivo de tecnoloxías e solucións dixitais de Intelixencia Artificial (IA), que monitorizarán todos aqueles factores que afectan á eficiencia das diferentes etapas do proceso de produción.
Esta iniciativa recibe financiación da convocatoria 2023 do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e está coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
O proxecto baséase na aplicación masiva de tecnoloxías de IA (fundamentalmente Machine Learning) para a análise de causas e xeración de novos escenarios de máxima eficiencia produtiva para a redución das mermas na industria alimentaria, cuxa implantación efectiva no sector se plasmará a través dunha nova plataforma de operacións amigable para calquera operador alimentario.
O consorcio do proxecto está conformado por dúas empresas tecnolóxicas (TripleAlpha Innovation, S.L. e LOGICMELT TECHNOLOGIES, S.L.) e dúas empresas alimentarias (Kiwi Atlántico, S.A. e Pereira Productos del Mar, S.A.) e a Asociación para a Dixitalización da Industria de Galicia (DIHGIGAL). Conta, ademais, coa empresa Alia Technologies, S.L. como colaboradora.