PowerLog é un proxecto estratéxico baseado no desenvolvemento dunha plataforma de optimización de loxística internacional. Ten como obxectivo revolucionar non só a industria loxística marítima, mellorando a eficiencia dos procesos e reducindo os custos para as empresas que realizan envíos internacionais, senón tamén a loxística en xeral, integrando nunha única plataforma un sistema de optimización de rutas que inclúa loxística marítima e terrestre.
A plataforma utilizará algoritmos de Intelixencia Artificial (IA) e computación cuántica para analizar e optimizar as rutas de envío, a carga de contedores e a programación dos medios de transporte. Ademais, a plataforma será capaz de predicir posibles retrasos na entrega e ofrecer solucións para evitalos.
Con esta tecnoloxía, as empresas poderán aforrar tempo e recursos na planificación e execución de envíos internacionais, o que se traducirá nun aumento da eficiencia e unha mellora na satisfacción do cliente. A plataforma tamén beneficiará ao medio ambiente ao reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas co transporte ineficiente.
O consorcio do proxecto está coordinado por DIHGIGAL e conformado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), unha gran empresa do sector pesqueiro, Grupo Nueva Pescanova; unha peme tecnolóxica, Visual Trans; un centro tecnolóxico, ITG; e unha startup, Cuatro Digital. Powerlog recibe financiamento da convocatoria 2023 do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.