O Programa Colectivo para a Alimentación Sostible (PROALIS) é unha iniciativa do Clúster Alimentario de Galicia en colaboración con Vegalsa-Eroski como empresa tractora, que nace co obxectivo de acompañar ás empresas alimentarias na súa transición cara a modelos máis sostibles, combinando formación, asesoramento especializado e ferramentas prácticas, co fin de reducir o impacto ambiental, fomentar a economía circular e mellorar a transparencia.
Obxectivos específicos
- Reducir o impacto ambiental optimizando o uso de recursos, diminuíndo emisións e mellorando a xestión de residuos e do desperdicio alimentario.
- Poñer en valor o novo alcance de responsabilidade asumido polo sector alimentario na produción de alimentos, que vai máis alá de garantir a calidade e a seguridade alimentaria.
- Fomentar a economía circular a través das 4R (reducir, recuperar, reutilizar e reciclar) e a valorización de subprodutos.
- Impulsar a transparencia e trazabilidade das accións de sostibilidade, tanto ao longo da cadea de subministración como na comunicación ao consumidor.
- Promover a innovación e dixitalización aplicadas á eficiencia de recursos, ao ecodeseño e á medición de métricas ambientais.
- Sensibilizar e formar ás empresas para integrar a sostibilidade nas súas estratexias de negocio.
Cal é o alcance de PROALIS?
Traballaranse de forma integral as principais dimensións da sostibilidade:
- Medioambiental: Enfocada en apoiar ás empresas no seguimento das novidades lexislativas, das súas pegadas ambientais e no ecodeseño de envases.
- Gobernanza: Complementando as súas políticas corporativas, a priorización de accións e os códigos de conduta.
- Económica: Avaliando os riscos e achegándose á análise dos aspectos materiais e financeiros, así como estudando escenarios e previsións.
- Social: A responsabilidade social corporativa, a xestión do talento e a formación das persoas son clave.
- Comunicación: Traballaranse boas prácticas de comunicación evitando o greenwashing e as memorias de sostibilidade das empresas alimentarias.
Que ofrece PROALIS?
O programa pon a disposición das empresas participantes un diagnóstico personalizado de sostibilidade, acompañado de formación grupal especializada enfocada nas distintas dimensións do modelo sostible. Ademais, ofrece coaching e titorización individualizada para facilitar a implementación de melloras concretas, acceso a ferramentas prácticas e recursos colaborativos, e unha acreditación final que recoñece os avances acadados ao longo do proceso.
A quen se dirixe?
PROALIS está dirixido a empresas do sector alimentario galego —de calquera tamaño ou subsector— que desexen avanzar cara a un modelo de negocio máis sostible, competitivo e innovador. Oriéntase a organizacións que buscan implantar unha cultura de sostibilidade, mellorar o seu desempeño ambiental, social e económico, e prepararse ante novas esixencias do mercado e normativas emerxentes.
Participación
Se a túa empresa quere formar parte desta iniciativa, contacta a través de circular@clusaga.org.










