Esta mañá, o proxecto de dixitalización e I+D+i aplicada ao sector do mexillón galego, MUSSEBLOCK, presentou os seus resultados nun webinar organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). O obxectivo desta iniciativa foi o desenvolvemento dun sistema seguro e fiable que garanta a veracidade e inalterabilidade da información asociada á rastrexabilidade e seguridade alimentaria.
MUSSELBLOCK é un proxecto financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR) a través da convocatoria 2022B de apoio a AEIs que, baixo a cordinación de Clusaga, involucrou na súa execución ás empresas socias do Clúster Perfect Numbers, DOP Mexillón de Galicia, Elige Data, TripleAlpha e Tastelab.
Esta iniciativa recibiu apoio do Fondo de Recuperación NextGenerationEU para a aceleración da transformación dixital, ademais do da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. A preparación da proposta contou con soporte da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por Clusaga e apoiada pola Xunta de Galicia a través do Igape.
O sector do mexillón xera un amplo volume de información, pero ten unha baixa taxa de dixitalización. Nese contexto, o proxecto MUSSELBLOCK permite optimizar os procedementos documentais e integrar toda a cadea de valor nunha solución dixital baseada na tecnoloxía blockchain, facilitando a recollida automatizada de datos mediante a sensorización e a aplicación de intelixencia artificial para elaborar modelos de análise preditivos.
O blockchain proporciona seguridade, transparencia, confianza, aforro de custos e inmediatez. Os seus beneficios repercuten en todos os eslabóns da cadea de valor do mexillón certificado, desde a batea, permitindo optimizar as condiciónss ambientais e operativas; ata o resto dos actores, coma depuradoras, cocedoiros, ou centros de transformación e a súa loxística.
Entre outras cosas, esta solución dixital ofrece estimacións de volumes e rendementos futuros; permite anticipar colleitas e decisións de compra; e planificar futuras producións. Deste modo, o sistema desenvolvido polo proxecto MUSSELBLOCK de Clusaga impulsa a rastrexabilidade e mellora a competitividade, eficiencia e rendibilidade acentuando así a calidade.