O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), comprometido coa sustentabilidade do sector da alimentación e das bebidas, ten o obxectivo de acompañar ás empresas na súa transición verde e dixital. Por iso, vén de arrancar 2024 coa I Edición do Foro GREEN VALUE 4 FOOD, unha iniciativa a prol do desenvolvemento sostible e circular da cadea de valor alimentaria, que contou co patrocinio da Xunta de Galicia e ABANCA, e a colaboración de INSURE.Hub.
A xuntanza, celebrada esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), reuniu a un centenar de persoas, sendo a meirande parte delas representantes de empresas alimentarias galegas, para debater en torno á sustentabilidade e a circularidade do sector. Así, a través dun panel de 16 relatores expertos, o encontro permitiu abordar esta cuestión dende múltiples perspectivas, incluíndo, asemade, unha Exposición de Solucións Sostibles para o Ecosistema Alimentario, da que formaron parte, cos seus servizos a prol da sustentabilidade, ABANCA, Ambical, CO2 SmartTech, Diversey, PFS Grupo e Sergal.
O evento arrincou coa benvida institucional a cargo de Roberto Alonso, director de Clusaga; e Sagrario Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia. Esta puxo de manifesto que o desenvolvemento da sociedade ten que ser “compatible coa preservación dos recursos”. Así, ao respecto da Alianza Galega Polo Clima, da que Clusaga é membro, lembrou que “é un compromiso que vai moito máis aló do cumprimento normativo”.
A continuación, Víctor Viñuales, director de ECODES, abordou no seu relatorio os desafíos do sector alimentario na súa transición cara a sustentabilidade, poñendo o foco en que “xunto coa eficiencia, hai que ter en conta a resiliencia”. “A meta é construír unha economía e un sector alimentario que sexan quen de facer as paces coa natureza”, proseguiu Viñuales. “Como? Á través da corresponsabilidade, a cooperación -da que son bo exemplo os clústeres-, e a esperanza”, concluíu, antes de dar paso ás tres mesas redondas que conformaron o resto do programa.
A primeira delas, moderada por Antonio Vasconcelos, director de INSURE. Hub e Planetiers New Generation, contou coa participación dos responsables de sustentabilidade de NAUTERRA, Hijos de Rivera, CAPSA FOOD e Vegalsa-Eroski, todas elas empresas socias de Clusaga que son referentes para o sector. Xuntos debateron en torno ao compromiso empresarial coa sustentabilidade “evitando o desperdicio alimentario”, salientando a oportunidade de “crear valor para a contorna e, ao tempo, para o negocio” a través de “estratexias empresariais 100% circulares”, ou a importancia de “involucrar e dar apoio aos grupos de interese das empresas para que sexan cada día máis sostibles”.
A segunda mesa, moderada por Perla Ferrer, coordinadora da Área de Sustentabilidade e Economía Circular de Clusaga, centrouse no impacto ambiental da industria alimentaria. Nela participaron representantes da Universidade Católica Portuguesa; Grunver Sostenibilidad; Inèdit; e AECOC, que puxeron o foco, de novo, na importancia de adoptar o pensamento sistémico, e de valerse das métricas para “reducir a pegada ambiental e establecer novas estratexias”, coma o “ecodeseño de produtos alimentarios”, a descarbonización ou mesmo o “aproveitamento de subprodutos como materias primas”.
Para rematar, a derradeira mesa centrouse na visión estratéxica para que as empresas leven a cabo a súa transición verde. Baixo a moderación de Guillermo Iglesias, profesor da Universidade da Coruña, interviron directivos de ABANCA Mar, Impact Hub, ECOACSA; e INSURE.Hub & Planetiers New Generation, que sinalaron a importancia de achegar solucións para esa transición tamén para as pequenas e medianas empresas, ao tempo que puxeron de relevancia a xestión sostible das finanzas e do capital natural. “O capital natural mal xestionado convértese nun pasivo ecolóxico, social e económico”, concluíron.
O encontro finalizou co peche institucional a cargo de Andrés Rodríguez, presidente de Clusaga; e Ángeles Vázquez, Vicepresidente segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Durante a súa intervención, o presidente de Clusaga referiuse ao valor engadido que supón para as empresas, os seus produtos e a súa actividade, o feito de “entender o concepto de responsabilidade, ligado á sustentabilidade, dun xeito cada vez máis amplo”.
Asemade, animou ás empresas alimentarias a afrontar a crise climática coma unha oportunidade de “innovar, adoptar prácticas máis sostibles e incorporar a circularidade ás estratexias das empresas alimentarias”, avanzando cara a transición verde. A este respecto, lembrou, “o Plan Estratéxico 2021-2025 de Clusaga centra un dos seus cinco eixos en prestar apoio ás empresas neste eido”. O presidente do Clúster Alimentario de Galicia rematou a súa intervención anunciando que a X Edición dos Premios Galicia Alimentación, unha cita xa consolidada para o sector da alimentación galego, terá lugar o vindeiro 13 de xuño de 2024 en Santiago de Compostela.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez, comezou a súa intervención felicitando aos relatores e relatoras do Foro polas súas “potentes achegas”; e a Clusaga por ter a iniciativa de organizar este encontro adicado por enteiro á sustentabilidade do sector; así como pola súa labor xeral e as súas aportacións, “que axudan ás administracións a tomar medidas para mitigar o impacto ambiental”. “Se algo caracterizou sempre ao sector alimentario galego foi a excelencia dos seus produtos”, afirmou a Vicepresidenta segunda, “mais este sector tamén salienta polo seu respecto pola contorna e por ser sinónimo de crecemento sostible”.