O consorcio da aceleradora de internacionalización para pemes agroalimentarias F2F Health Matters, un dos proxectos europeos nos que participa o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), acaba de seleccionar ás pemes beneficiarias das axudas da súa segunda convocatoria para a internacionalización, que ten como país destino Xapón.
En concreto, as empresas Bodega Líquido Gallaecia, Dairy Pet e Real Conservera Española, socias de Clusaga, xunto con outras pemes procedentes de Bélxica, Francia, Eslovaquia e Portugal, terán a oportunidade de expandir os seus negocios en Xapón grazas a un dos dous tipos de apoio económico que ofrece F2F Health Matters: “Commercial Lead Support” e “Travel Aid”.
O primeiro consiste na financiación de servizos de consultaría personalizados de prospección comercial sobre o mercado xaponés; mentres que o segundo é unha contribución de 2.000€ para gastos de viaxe e estancia derivados da participación na misión colectiva de internacionalización a Xapón.
En paralelo á selección das 17 entidades beneficiarias da segunda convocatoria do proxecto, o consorcio, integrado polos clústeres europeos Wagralim (Bélgica), Valorial (Francia), Clusaga (España), BioEconomy Cluster (Eslovaquia) e InovCluster (Portugal), está traballando na organización da misión comercial directa a Xapón.
Segundo está previsto, a viaxe tería lugar do 19 ao 23 de xuño de 2023, con vistas a coincidir coa JFEX – JAPAN INT’L FOOD EXPO. Ademais, as pemes beneficiarias recibirán apoio para reunirse con potenciais socios comerciais do mercado xaponés, para dar lugar a novos acordos e colaboracións prometedoras.
Para preparar o terreo cara a misión, todas as empresas seleccionadas formarán parte do programa de formación e preparación “Elite” de F2F Health Matters para o mercado xaponés, que ofrecerá formación a través dunha comunidade online.
Esta convocatoria de apoio á internacionalización é a segunda que se leva a cabo no seno do proxecto. A primeira, cuxo país destino foi Canadá, levou a cabo a misión comercial en novembro de 2022. Ademais, o proxecto ten prevista unha terceira e última convocatoria de internacionalización ao mercado de Emiratos Árabes Unidos. Toda a información sobre as datas, como presentarse ou o proceso de selección pode consultarse na sección da web do proxecto Get involved.
Ademais de optar ás axudas que ofrece o proxecto, as pemes poden obter información sobre distintos mercados internacionais a través dunha serie de eventos online abertos ao público e organizados polo consorcio de F2F Health Matters.