SAN LÁZARO 17,00 h.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reunirase con Clúster Alimentario de Galicia. Na sala de xuntas foto xoán crespo
A Alianza polo Clima, promovida pola Xunta de Galicia, sumou o apoio do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), tras a recente sinatura do convenio de adhesión por parte da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director de Clusaga, Roberto Alonso.
Logo de salientar que a Alianza Galega polo Clima conta xa con máis de 40 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades-, Ángeles Vázquez incidiu en que o apoio de Clusaga suporá un avance moi importante para poñer á Comunidade na vangarda fronte ao quecemento global e as súas consecuencias.
Como lembrou a conselleira, esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
O Clúster Alimentario de Galicia está conformado por máis de 140 empresas do sector da alimentación e bebidas, así como polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, e a súa misión é contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sostible e mellora da competitividade, así como da internacionalización do sector alimentario de Galicia.
Ademais, as súas accións con respecto á sustentabilidade artéllanse dentro do marco da Comisión de Sustentabilidade e dos seus grupos de traballo, entre os que se atopa o Subcomité de Colaboración Institucional para a Sustentabilidade do Sector Alimentario.