O pasado 26 de xuño, no marco do Foro e Premios Galicia Alimentación, tivo lugar a Asemblea Xeral de Clusaga, unha cita fundamental na que participaron todas as persoas que conforman a Xunta Directiva da entidade, xunto con outros membros e representantes do sector. Na mesa estiveron presentes Andrés Rodríguez Gómez, presidente; Jorge Eiroa López, vicepresidente; José Manuel Núñez Torre, secretario; así como o CEO, Juanjo De la Cerda, e o director, Roberto Alonso, quen coordinou a presentación dos diferentes puntos da orde do día.
Neste encontro anual de socios, tratáronse cuestións fundamentais para o funcionamento da entidade. Entre elas, a actualización da lista de asociados, que marcou un fito ao acadar os 246 membros, reforzando así a representatividade de Clusaga no sector. Además a presentación da memoria de actividades de 2024 e o informe de auditoría das contas anuais. Tamén se aprobou o orzamento para 2025 e expuxéronse os informes da Xunta Directiva e das comisións e incluíu a presentación das actuacións singulares previstas para o próximo ano.
O punto central da Asemblea foi a presentación do novo Plan Estratéxico 2026-2029, que marca un cambio de rumbo decisivo para Clusaga e que busca fortalecer o sector en puntos clave. Este proxecto, denominado “Clusaga 2030: Liderando a transformación do sector alimentario de Galicia”, responde aos retos globais máis apremiantes, como o cambio climático, a dixitalización acelerada, as novas demandas dos consumidores e a crecente competencia internacional. Clusaga reafirma así o seu compromiso como motor de transformación, orientando a súa actividade cara a tres eixos prioritarios: innovación, o desenvolvemento do talento e a sustentabilidade.
Este novo plan supón unha transformación na visión estratéxica de Clusaga, pasando dun enfoque lineal a unha estratexia aspiracional e motivacional que integra tendencias, motivadores do cambio, misións e programas sectoriais e organizativos. Esta visión global e integrada busca que Clusaga non só optimice os seus procesos internos, senón que lidere a transformación do sector alimentario galego, fomentando proxectos innovadores, fortalecendo o talento e promovendo a sustentabilidade como eixo transversal.
A Asemblea tamén serviu para ratificar o compromiso coa gobernanza interna, reforzando o papel activo das comisións e promovendo unha estrutura máis áxil e coordinada. Neste sentido, o novo Plan Estratéxico aposta pola consolidación da súa identidade dixital, pola autonomía financeira e polo fortalecemento da voz de Clusaga como entidade influínte nas políticas públicas sectoriais.
Así mesmo, a colaboración transversal con outros clústers galegos, nacionais e internacionais forma parte da estratexia para ampliar sinerxías e potenciar proxectos innovadores que contribúan a situar o sector alimentario galego nunha posición de referencia global.
En definitiva, a Asemblea Xeral do 26 de xuño evidenciou o apoio unánime da Xunta Directiva e dos membros da organización ao novo Plan Estratéxico, que establece un roteiro ambicioso e claro para os próximos anos. Clusaga consolídase como un axente clave para acompañar ás empresas na súa transformación cara a un modelo máis innovador, sustentable e competitivo, adaptándose aos retos e oportunidades que marcarán o futuro do sector alimentario en Galicia.