-
Dez startups incorpóranse ao programa de aceleración e seis acceden ao programa de consolidación
-
A VIII edición da BFFood reforza o seu carácter internacional con iniciativas procedentes de España, Arxentina, Chile, Turquía e Ecuador
-
As startups contarán co acompañamento de nove empresas mentoras de referencia do sector agroalimentario: CLUN, Congalsa, El Nogal, Casa Grande de Xanceda, Vegalsa, Hijos de Rivera, Valora Marine Ingredients, Bodegas Casa Montepío e Nueva Pescanova
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026. A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora especializada do sector agroalimentario promovida pola Xunta de Galicia e impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), xa ten definidos os proxectos que formarán parte das fases de aceleración e consolidación da súa VIII edición.
Trala celebración do PitchDay, celebrado o pasado 2 de xullo no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, o comité de selección escolleu 10 startups para incorporarse ao programa de aceleración e 6 proxectos para o programa de consolidación, entre as 21 iniciativas que presentaron as súas solucións innovadoras para responder aos principais retos da industria alimentaria.
A xornada foi inaugurada por Roberto C. Alonso Ferro, director de Clusaga, quen puxo en valor o nivel das candidaturas presentadas; acompañado por Patricia López Quintiá, subdirectora de Innovación Empresarial do Igape, quen destacou a traxectoria da Business Factory Food, que xa impulsou 87 proxectos emprendedores, moitos deles convertidos hoxe en empresas que xeran emprego, innovación e valor engadido en Galicia.
Dez proxectos incorporaranse ao programa de aceleración
As startups seleccionadas para a fase de aceleración desenvolverán solución orientadas á dixitalización, sustentabilidade, novos produtos, automatización, trazabilidade e innovación de procesos no sector agroalimentario.
Os proxectos seleccionados son:
- BIOSentinel (España): sistema de monitorización en tempo real da carga bacteriana en granxas mediante biosensores ópticos e intelixencia artificial para previr patóxenos.
- fluenzia (Galicia): plataforma modular de automatización intelixente para facilitar a robotización das pemes da industria alimentaria.
- Ostras (Galicia): plataforma de crowdsourcing para rescatar alimentos próximos a caducar mediante app con IA.
- Kresko RNAtech (Arxentina): desenvolvemento de ingredientes funcionais baseados en ARN bioactivo para a próxima xeración de alimentos funcionais.
- Agrosintex (Arxentina): aditivo alimenticio para gando bovino que reduce emisións de metano nun 95%.
- TutorIA – Galifritas (Galicia): centro de emprego tecnolóxico inclusivo con IA para produción de snacks.
- BioRefQui (Chile): sistema de extracción para recuperar compostos de alto valor de residuos agroindustriais.
- Hermia – Infood Protein (Chile): biorrefinería circular que transforma residuos agroindustriais usando insectos.
- Thales (Turquía): tecnoloxía de atomización patentada para a hixienización sostible da industria láctea que reduce o consumo de auga nun 90%.
- Chocolates by Peruxiñas (Galicia): liña de chocolate premium “Bean to Bar” sen aditivos químicos.
Ademais, quedaron na listaxe de reserva os proxectos:
- Neurociencia Luyef (Chile)
- Galaxy Pack SAS (Colombia)
- NanoBioFood (Colombia)
Seis empresas reforzarán o seu crecemento no programa de consolidación
Na fase de consolidación incorporaranse seis empresas cun maior grao de madurez empresarial, que recibirán apoio para acelerar o seu crecemento e expansión comercial.
Os proxectos seleccionados son:
- ComexSoft: plataforma SaaS de intelixencia de mercado que transforma datos do sector alimentario en información estratéxica para mellorar a innovación, os prezos e a comercialización.
- DIVERSA Natural Functional Platform: plataforma tecnolóxica que desenvolve nanosistemas lipídicos para mellorar a estabilidade e aplicación de ingredientes naturais en alimentación funcional e nutracéutica.
- Gloop: desenvolve cubertos comestibles sostibles como alternativa aos plásticos dun só uso no canal horeca, reducindo residuos e fomentando a economía circular.
- Fuxe Fuxe: xeles de nutrición deportiva elaborados con ingredientes naturais e superalimentos, cunha proposta basada en rendemento e unha identidade galega e orientados a deportistas.
- Aguas Lérez: marca galega de auga mineral con gas orientada á restauración premium que destaca pola súa baixa mineralización e enfoque sostible.
- AWÁ Nutrition: desenvolve suplementos de nutrición deportiva e funcional de orixe vexetal a partir de ingredientes da biodiversidade andina e amazónica.
Unha edición cun marcado carácter internacional
A VIII edición da Business Factory Food confirma a crecente proxección internacional do programa. Entre os proxectos seleccionados figuran startups procedentes de España, Arxentina, Chile, Turquía e Ecuador, favorecendo a transferencia de coñecemento e a conexión co ecosistema agroalimentario galego.
Os equipos traballarán da man dun amplo ecosistema de innovación integrado por empresas tractoras, con mentores pertencentes a CLUN, Congalsa, El Nogal, Casa Grande de Xanceda, Vegalsa, Hijos de Rivera, Valora Marine Ingredients, Bodegas Casa Montepío e Nueva Pescanova.
A BFFood, un ecosistema para impulsar a innovación agroalimentaria
Coa incorporación destes 16 proxectos, a Business Factory Food continúa a consolidarse como un dos principais programas de apoio ao emprendemento foodtech en España, favorecendo a creación de solucións innovadoras que contribúan a transformar o sector agroalimentario a través da sustentabilidade, a dixitalización, a economía circular e o desenvolvemento de novos produtos.
A Business Factory Food, promovida pola Xunta de Galicia a través do Igape e Xesgalicia, e coordinada por Clusaga, consolidou o seu papel como unha iniciativa clave para impulsar o emprendemento no sector alimentario galego. Cunha traxectoria de sete edicións previas, o programa acompañou ducias de startups, facilitando o seu crecemento e conectándoas co tecido industrial e empresarial da rexión.