O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu este venres o II Foro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027, un evento organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) aberto a todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i no que se compartiron os resultados e conclusións da RIS3 Galicia.
Durante o encontro deuse a coñecer a misión e a visión da RIS3 Galicia 2021-2027, así como as prioridades de especialización, os obxectivos estratéxicos da política de investigación e innovación e os programas consensuados para impulsar o desenvolvemento das cadeas de valor estratéxicas para Galicia, co obxectivo de convertir a rexión nun entorno atractivo para atraer e reter talento, conseguindo unha Galicia sustentable e dixital.
Como representantes da cadea de valor alimentaria acudiron Roberto Alonso, xerente do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga); Santiago Cabaleiro, director do Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA); e Sandra Rellán, xestora de I+D+i de ANFACO-CECOPESCA.
Durante a súa intervención nesta mesa redonda, Roberto Alonso destacou a interrelación entre a RIS3 e o Plan Estratéxico 2021-2025 de Clusaga, e puxo o foco na relevancia da hibridación sectorial para o sector alimentario galego con, entre outros, o sector da saúde. Tamén sinalou como áreas de especial interese para a definición de misións o avance cara a sustentabilidade e a economía circular, a fabricación avanzada e a maior aplicación de tecnoloxías facilitadoras esenciais, así como a I+D+i aplicada, enfocada a unha mellor trazabilidade e seguridade alimentaria no sector alimentario galego.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, clausurou o Foro sinalando que a nova RIS3 terá como cometido o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i, buscando a transferencia de coñecemento ao mercado, captando e retendo máis talento e posicionando a Galicia como un referente a nivel estatal e europeo. Así, a nova RIS3 está concebida como unha estratexia transversal e multicompetencial para fortalecer e completar las cadeas de valor dos sectores estratéxicos galegos, impulsando tamén a súa circularidade.
A Especialización Intelixente de Galicia – RIS3 é a estratexia global de Galicia para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable e de calidade a través da innovación.
A RIS3 Galicia 2021-2027 será a estratexia integral para artellar todas as actuacións da I+D+i en Galicia, e incorporará os grandes obxectivos 21-27 da Unión Europea: unha nova política industrial marcada pola sustentabilidade, poloPacto Verde Europeo e pola Transformación Dixital.
Deste modo, a sustentabilidade, a dixitalización e a orientación dos esforzos en I+D+i cara as necesidades das persoas concentran as tres grandes prioridades de especialización da RIS3 Galicia, que integra cinco programas marco en torno aos que se artellan os novos instrumentos de apoio ao ecosistema.