O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) finalizou o pasado martes a primeira acción no marco da súa nova campaña para a promoción conxunta de alimentos e bebidas das súas empresas socias “Na túa despensa, o mellor de Galicia”. Nesta ocasión, as entidades participantes foron Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Cuevas Marrón Glacé, El Nogal, Granbazán, Pazo do Queixo, Larsa, Méndez-Rojo, Quescrem, Real Conservera Española e Torre de Núñez que, do 12 ao 19 de setembro, contaron cun espazo conxunto no Mercado de Abastos de Santiago.
Belén Vázquez, responsable da Área de Mercados e Internacionalización de Clusaga e coordinadora desta acción manifestou a satisfacción de Clusaga coa execución da campaña, sendo o obxectivo da mesma proxectar a marca Galicia e fomentar entre os consumidores a aposta por produtos galegos e o consumo consciente en canto ao alto valor da despensa do país.
Pola súa banda, as empresas amosáronse moi satisfeitas por ter artellado esta campaña conxunta, que lles permitiu chegar ao consumidor baixo o reclamo do que é garante a marca Galicia en alimentación, ao tempo que lles abriu a oportunidade de establecer futuras sinerxías entre elas. Celebraron, ademais, a boa acollida por parte do público do Mercado, e o alto impacto nos consumidores.
“Para as empresas participantes resultou un fito poder promocionar os seus produtos de xeito colaborativo desde un espazo referente da gastronomía como é o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, achegando ao público novidades e tradición, e potenciando a calidade das materias primas que emprega a industria alimentaria galega nos seus procesos produtivos“, destaca Belén Vázquez.
Durante esta semana, a actividade centrouse en dous espazos diferenciados do Mercado de Abastos. O primeiro deles foi o posto de Clusaga na Nave 6, con actividade de 9.30 a 14.30 horas, e no que o público obxectivo da acción -canle HORECA e consumidor final – tivo a oportunidade de catar, degustar e coñecer de primeira man diversos produtos das marcas participantes. Alí, a despensa de Clusaga acolleu tamén unha exposición de alimentos e bebidas, coa posibilidade de participar nun sorteo de lotes de produtos e experiencias de turismo industrial e gastronómico e co reparto dunha bolsa corporativa con produto entre as persoas visitantes.
O segundo espazo chave da acción foi a Aula – Cociña do Mercado, onde se celebraron showcookings, catas verticais, masterclass, workshorps e outras actividades, todas elas enfocadas a crear un espazo de marca para as empresas socias e dar a coñecer a calidade de produtos amparados polas Denominacións de Orixe Protexida. Asimesmo, esta foi a localización escollida para o acto de presentación da campaña que, celebrado o pasado 14 de setembro, contou coa participación Xan Duro, Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais; Marta Rey, xerente do Mercado de Abastos; Andrés Rodríguez, presidente de Clusaga; e representantes de institucións de ámbito local e autonómico en materia de gastronomía e turismo.
Esta primeira acción contou coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, a Asociación Hostelería Compostela e Socivi. Ademais, prestaron apoio outras entidades socias de Clusaga como o Consello Regulador da DOP Arzúa – Ulloa, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Lugar Daveiga e Pazo de Vilane.
En liña coa misión de Clusaga de impulsar e fortalecer o sector alimentario galego, a campaña “Na túa despensa” configúrase como o punto de partida dende o que artellar novidosas propostas de alimentos e bebidas en diferentes canles de distribución, ao tempo que fomenta a cooperación empresarial no ámbito comercial.
Así, a intención do Clúster é materializar esta iniciativa en novas accións promocionais levadas a cabo en localizacións singulares da xeografía galega. En concreto, buscaranse espazos representativos de Galicia nos que reforzar o posicionamento que xa teñen as empresas socias, e seguir fomentando a excelencia e a colaboración na industria alimentaria. Nesta liña, Clusaga seguirá traballando na creación de redes de traballo conxuntas coas Administracións públicas, e na potenciación do valor e calidade da industria alimentaria galega.