A Comisión de Mercados e Internacionalización do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) reuniuse en Vigo o 27 de xaneiro para valorar a actividade realizada en 2022 e presentar o plan de actuacións para 2023. Pereira Productos del Mar acolleu esta xuntanza na que, ademais de visitar as súas instalacións no porto pesqueiro de Vigo, as empresas aproveitaron para facer un xantar networking e intercambiar necesidades e inquedanzas para este novo ano.
Entre os temas abordados na Comisión destacan o relanzamento dos Servizos Insights e Exporta; as misións inversas e directas que se organizarán este ano a Irlanda e Xapón, entre outras rexións; as medidas en relación ao marketing dixital; ou as accións promocionais colaborativas entre marcas de alimentación e bebidas de Galicia. Salienta tamén a participación activa e colaboración de Clusaga en Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, nos que a enogastronomía adquire un papel protagonista e a industria alimentaria aporta a visión estratéxica de toda a cadea de valor.
Outro punto clave da reunión foi aprobar a incorporación de 3 novas empresas á Comisión: Aceites Abril, coa participación de Elena Pérez; Real Conservera Española, mediante a representación de Lucrecia García; e Grupo Cuevas, da man de Rocio Cid. O seu expertise nestas áreas, así como a aprendizaxe empresarial adquirida, sumaranse ao traballo que xa vén desenvolvendo a Comisón de Mercados e Internacionalización, conformada por Ruy Andrade, de Pereira Productos del Mar; Andrés Alonso, de Cafés Candelas; Ángel Lamas, de Torre de Núñez; Cristina Domínguez, de Agro de Bazán; Pablo Buján, de Bodegas Martín Códax; Juan Rebolo, de El Nogal; Daniel Sinero, de Quescrem; Luís Vázquez, de Vacún de Galicia; e Ana Rodríguez, de Capsa Food.
Sen dúbida este 2023 será un ano de intensa actividade na Área de Mercados e Internacionalización no que a colaboración e bagaxe das empresas de alimentación e bebidas galegas será clave para continuar fornecendo a industria alimentaria.