A innovación, a sostibilidade, a competitividade e a excelencia no sector da alimentación e as bebidas volveron ser recoñecidos polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a través dos Premios Galicia Alimentación. Coincidindo co décimo aniversario foron seis as empresas que recibiron, este ano, os galardóns de Clusaga: A MeixoEira, Queixería Barral, Dairy Pet, CEAMSA, Queizuar e Hijos de Rivera. A maiores, a xunta directiva do Clúster decidiu entregar tamén un premio honorífico, que recaeu nas mans de Joaquín González polos seus 25 anos como director de Vegalsa-Eroski.
A entrega dos premios foi o broche de ouro do Foro Galicia Alimentación, unha cita anual na que Clusaga reuniu a numerosos expertos e profesionais que falaron sobre o presente e o futuro deste sector. Nesta edición, Clusaga aproveitou o evento para lembrar a algúns dos referentes que contribuíron ao crecemento exponencial deste ámbito e que faleceron recentemente: o fundador de Bonilla a la vista, César Bonilla; o creador de Congalsa, Luis Simarro; e a cofundadora de Lence, María del Carmen Ferreiro.
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada de pechar os Premios Galicia Alimentación cun discurso no que enxalzou a importancia do sector en Galicia. Á cita asistiron, así mesmo, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Covadonga Toca, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entre outros.
Por segundo ano consecutivo, o Clúster volveu bater un récord de candidaturas, pasando das 99 acadadas no 2023 ás 130 desta décima edición. Isto é, produciuse unha suba de máis do 30% entre ambas convocatorias. Por premios, o máis demandado foi o de Produto Excelente (54 en total), seguido polo de Produto Innovador (35).
Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:
A maiores, a xunta directiva do Clúster Alimentario de Galicia decidiu entregar un último galardón, o Premio Honorífico de Galicia Alimentación. Nesta ocasión, o recoñecemento recaeu nas mans de Joaquín González pola súa traxectoria a prol do sector. González ocupou, durante 25 anos, o cargo de director na empresa Vegalsa-Eroski.
Antes da entrega de premios celebrouse o Foro Galicia Alimentación 2024 baixo o título As novas fronteiras na innovación alimentaria, a través do cal varios expertos abordaron cuestións como a innovación na produción, o desenvolvemento de alimentos saudables e as tecnoloxías emerxentes.
Na primeira mesa redonda, Da granxa á mesa: innovación na produción e desenvolvemento de alimentos saudables, tomaron a palabra os seguintes relatores: o consumer insights director de Kantar, César Valencoso; o CEO e cofundador de Néboda Farms, Iván García; a directora de negocio e crecemento de Mundo Healthy, Sofía Pérez; e o experto en seguridade alimentaria e nutrición e profesor asociado da Universidade Complutense de Madrid, Rafael Urrialde. Pola súa banda, o CEO de Quescrem, Sergio Alonso, foi o encargado de moderar o debate.
O último relatorio levou o título de Tecnoloxías emerxentes nas fronteiras do coñecemento, e contou coa participación de: a CEO de Grupo Carinsa, Vanesa Martínez; o catedrático de Biotecnoloxía na Universitat Politècnica de València, José Miguel Mulet; o fundador e CEO de Blendhub, Henrik Stamm Kristensen; e o responsable de proxectos singulares de alimentación en Food Eurecat, Ignasi Papell. A catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Santiago de Compostela, Ángeles Romero, foi a moderadora.
Ao remate do Foro e os Premios Galicia Alimentación realizouse un cóctel no que o público asistente tivo a ocasión de degustar algúns dos produtos que se presentaron aos galardóns de Clusaga, así como de entidades socias do Clúster.
Os alí presentes puideron catar produtos das seguintes categorías e marcas: Conservas Friscos, Mieles Anta, Torre de Núñez, Queizuar, Celtagal, Perusiñas, Acastrexa, La empanada viajera, Licores Os Maios, Congalsa, Calabizo, Cafés Lúa, Maremonte Setas, Hijos de Rivera, Restaurante Miguel González, Larsa, Ecocentro, Grupo Lence, Viña Costeira, Casa Grande de Xanceda, Porto-Muíños, Central Lechera Gallega, Bodegas Martín Códax, Quescrem, Queixería Barral, Agro de Bazán, Hermanos Paniagua, Gadisa, Cafés Candelas, Daveiga, Jamones González, Vanetta Food, Minimelis, Aceites Abril, Vegalsa-Eroski, Jealsa, Clesa, Clavo Food Factory, Pereira Productos del Mar, Ternera Gallega, Galician Brew, CienPorCel, Bico de Xeado, Campomayor, Grupo Frinsa e Bonilla a la vista.
Ademais, un ano máis, a gala contou co apoio institucional da Xunta de Galicia, co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadisa e Vegalsa Eroski e o bronce de Salimat Abanca.