
A folla de ruta inclúe 88 medidas e sete proxectos estratéxicos, cunha dotación confirmada de máis de 175 millóns de euros e unha proxección de 216 millóns ata 2028.
A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu o pasado 1 de outubro a xornada de presentación do Plan director do sector alimentario 2026-2028. Este instrumento de política industrial da Xunta de Galicia, elaborado en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), marca a folla de ruta para reforzar a competitividade dunha das industrias con máis peso na economía galega.
O acto, celebrado na sala de eventos do Edificio Fontán, reuniu representantes empresariais e institucionais do sector. A apertura institucional correu a cargo de Andrés Rodríguez Gómez, presidente do Clúster Alimentario de Galicia, e de María Jesús Lorenzana Somoza, conselleira de Economía e Industria. A continuación, Antón Costas Comesaña, presidente do Consello Económico e Social de España, impartiu o relatorio «Xeopolítica e retorno da política industrial. Implicacións para Galicia e o sector alimentario». Belén Yáñez Barge, xefa do Servizo de Promoción Industrial da Xunta, presentou despois os contidos do plan.
Un sector estratéxico para Galicia
A industria alimentaria é un dos piares industriais da comunidade. Segundo o IGE (Estatística Estrutural de Empresas, 2023), representa o 24,75 % das persoas ocupadas na industria galega, o 24,5 % da cifra de negocios industrial e o 20,3 % dos locais industriais. En 2025, o sector agrupaba 2.142 empresas e 35.307 afiliacións á Seguridade Social, con 5.355 afiliacións máis ca en 2009, un crecemento do 17,88 %. En termos de cifra de negocios, a industria alimentaria galega supón o 7,9 % do total nacional, e Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior peso.
O plan sitúa a industria alimentaria como columna vertebral do sistema alimentario. As súas actividades de transformación engaden valor aos produtos, alongan a súa vida útil, adáptanos ás demandas do mercado e abren novas vías á exportación. A isto súmase o papel da industria e dos servizos auxiliares, que garanten a eficiencia, a innovación e o cumprimento normativo ao longo de toda a cadea.
Obxectivos, eixes e medidas
O documento articúlase arredor de dous obxectivos estratéxicos. O primeiro é impulsar e consolidar a industria galega, aumentando a súa produtividade e competitividade. O segundo é reforzar o ecosistema industrial. Deles derívanse cinco eixes de actuación e un total de 88 medidas, repartidas así:
Sete proxectos estratéxicos
O plan concrétase en sete proxectos tractores:
Marco económico e gobernanza
O plan conta cun orzamento de 72,3 millóns de euros para 2026 e unha dotación confirmada de 175,45 millóns para o período 2026-2028. A proxección total acada os 216 millóns de euros.
A execución estará coordinada pola Consellería de Economía e Industria, coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar. Tamén participarán os axentes económicos e sociais, a través dunha comisión sectorial específica e de grupos de traballo da Xunta. Farase unha avaliación continua dos resultados, xunto co propio sector, para adaptar as medidas ás necesidades da industria e aos retos dos próximos anos.
A xornada rematou cun xantar networking entre as persoas asistentes.









