
O sector alimentario galego celebrará o vindeiro 11 de xuño de 2026 a XI edición do Foro & Premios Galicia Alimentación no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, consolidado como o principal punto de encontro anual da cadea alimentaria en Galicia.
Baixo o lema “Alimentar o futuro”, o evento poñerá o foco nos grandes vectores que están a redefinir o sector, como a competitividade, a sustentabilidade, a soberanía alimentaria e a xeración de valor nun contexto global cada vez máis esixente e incerto.
A xornada reunirá a empresas, institucións e expertos nun espazo de análise e reflexión compartida arredor dos desafíos e oportunidades da industria alimentaria. Abordaranse cuestións clave como a innovación, a escala empresarial ou o posicionamento de Galicia na nova cadea alimentaria global.
O programa iniciarase coa Asemblea Xeral do Clúster Alimentario de Galicia e continuará co Foro Galicia Alimentación, que articulará o debate a través de relatorios e mesas redondas con voces de referencia do sector.
Un dos momentos centrais do encontro será o acto de entrega dos Premios Galicia Alimentación, que en cada edición recoñecen a excelencia, a innovación e a capacidade das empresas galegas para competir e xerar valor, consolidándose como un escaparate do talento e do potencial do sector.
O Foro & Premios Galicia Alimentación volverá ser así un espazo clave para o networking, a xeración de alianzas e a proxección do sector alimentario galego, reforzando o seu papel como motor económico e estratéxico no ámbito estatal e internacional.









