
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026. O Consello da Xunta aprobou onte o Plan Director do Sector Alimentario 2026-2028, unha folla de ruta estratéxica que contará cun investimento inicial de 216 millóns de euros para impulsar a transformación económica, social e ambiental da industria alimentaria galega. O documento foi elaborado coa participación dos principais axentes do ecosistema, entre eles o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), que contribuíu á definición das prioridades estratéxicas do sector.
A través dun proceso de traballo colaborativo, Clusaga participou na definición deste Plan xunto con empresas, centros tecnolóxicos, cooperativas, asociacións empresariais e outros axentes da cadea de valor alimentaria, identificando os principais retos e oportunidades para reforzar a competitividade do sector nos vindeiros anos.
O Plan Director contempla actuacións orientadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade, a internacionalización e o fortalecemento de toda a cadea de valor, co obxectivo de consolidar Galicia como un referente no ámbito alimentario. Entre as actuacións previstas figura tamén o impulso a Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario promovida pola Xunta de Galicia e dinamizada por Clusaga, recoñecida como unha ferramenta estratéxica para fomentar o emprendemento innovador, acelerar o desenvolvemento de novas solucións e favorecer a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. Para Clusaga, a aprobación deste documento supón un paso decisivo para consolidar unha visión compartida do futuro do sector e dotar á industria alimentaria galega dun marco estable que favoreza o investimento, o crecemento empresarial e a colaboración público-privada.
Entre as medidas previstas figuran tamén liñas de apoio para a modernización das pemes alimentarias, o impulso de proxectos colaborativos de I+D+i, a valorización dos produtos agroalimentarios e do mar e o desenvolvemento de iniciativas de bioeconomía e biotecnoloxía.
A aprobación deste Plan sitúa á industria alimentaria entre os sectores estratéxicos de Galicia que xa contan cunha folla de ruta propia, xunto coa automoción, a construción naval, o forestal-madeira, a industria TIC e a función loxística. Ademais, a Xunta continúa avanzando na tramitación dos plans da construción, a metalmecánica e o sector téxtil, consolidando unha estratexia industrial baseada na planificación, a innovación e a colaboración co tecido empresarial.









