O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu compromiso co talento, impulsa o Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias que, deseñado xunto á Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) e financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar, celebrou hoxe en Santiago de Compostela o seu acto de apertura de curso.
Así, o Centro Obra Social ABANCA acolleu esta mañá a benvida institucional ao alumnado do Programa, integrado por 21 representantes de empresas do sector da alimentación e das bebidas de Galicia socias de Clusaga. O acto contou coas intervencións de Antonio Basanta, Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia; Andrés Rodríguez, presidente de Clusaga; Andrés Armada, director de Desenvolvemento Corporativo da UIE; e Juanjo de la Cerda, director académico do Programa.
Durante a súa intervención, o presidente de Clusaga agradeceu ao alumnado “a súa implicación e interese”. “Ter un programa formativo coma este era un anhelo para a Xunta Directiva de Clusaga” declarou, en relación co feito de que moitos traballadores do sector alimentario acudían formarse fóra da comunidade. “Grazas ao apoio da Xunta e a colaboración da UIE, agora podemos ofrecer este Programa en Galicia”, sinalou, expresando a satisfacción, en nome de Clusaga, “por comezar coa que será a primeira de moitas edicións”.
Pola súa banda, o director de Desenvolvemento Corporativo da UIE puxo o foco na importancia de “seguir formando e impulsado o talento do sector nun mercado cada vez máis transversal”. “A formación debe ser unha constante que permita ás empresas estar preparadas para unha contorna cambiante”, concluíu.
Como peche do acto de benvida, o Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica comezou destacando a importancia dos equipos e do capital humano das empresas. “Unha das mellores cousas do sector alimentario de Galicia, alén da súa estrutura empresarial, é o valor do seu grupo humano, que ten moito que ensinar”, sinalou, engadindo que “neste Programa de Desenvolvemento Directivo, o carácter de grupo e a experiencia compartida, farán que a aprendizaxe sexa aínda máis valiosa”. Rematou definindo o acto de inauguración do curso coma un “orgullo”, en tanto supón “o primeiro paso dun camiño fundamental para o futuro do sector alimentario galego”.
O sector alimentario ten un papel central na economía galega en termos produtivos e sociais, e a industria da alimentación e das bebidas constitúe unha das principais ramas do tecido industrial na rexión. Neste contexto, a creación de talento e a mellora da capacitación dos traballadores do sector son unha das medidas recollidas no Plan Estratéxico 2021-2025 de Clusaga, en tanto instrumento fundamental para a mellora da competitividade das empresas.
Así, o Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias, buque insignia do Plan de Formación 2024 de Clusaga, impartirase de marzo a novembro de 2024, ao longo de 25 sesións de 8 horas de duración. O seu obxectivo central é impulsar o crecemento e a excelencia dos profesionais que integran as empresas do sector da alimentación e das bebidas en Galicia.
Grazas a un ambicioso programa académico e a un claustro integrado por 22 docentes con ampla experiencia en materias que abranguen a innovación, a comunicación, as finanzas ou mesmo o liderado, o alumnado do curso acadará melloras na formulación e implementación da estratexia corporativa, no desenvolvemento dunha visión estratéxica global orientada a resultados, ou na súa capacidade de liderado para a xestión eficiente de equipos, entre outras habilidades.