O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) deu comezo hoxe á segunda edición do programa Competemar cunha primeira sesión formativa centrada na internacionalización da empresa do mar. Esta iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia e desenvolvida desde a Área de Mercados e Internacionalización de Clusaga, busca acelerar a internacionalización do sector mar-industria galego, contribuíndo á mellora da súa competitividade e ao seu desenvolvemento sostible.
O acto institucional de presentación do programa contou coa participación de Alfonso Villares, Conselleiro do Mar; Juanjo de la Cerda, CEO de Clusaga; Roberto Alonso, director de Clusaga e representantes das 28 empresas inscritas en Competemar.
Durante a súa intervención, Juanjo de la Cerda agradeceu o respaldo da Xunta de Galicia e puxo en valor os resultados da primeira edición do programa, da que se beneficiaron 22 empresas do sector a través de diversas accións como a formación especializada en comercio internacional e misións comerciais a Estados Unidos e Francia. Ademais, o CEO de Clusaga destacou as principais novidades desta segunda edición, que amplía o alcance das actividades incluíndo misións comerciais a Emiratos Árabes Unidos e Miami, ademáis da organización do evento gastronómico “Taste of The Sea” nos Estados Unidos. “O Programa Competemar segue sendo unha plataforma clave para a mellora da competitividade das empresas do mar de Galicia, un espazo para a formación, o networking e a expansión internacional”, declarou.
Pola súa banda, Alfonso Villares agradeceu o compromiso de Clusaga co fortalecemento do sector do mar en Galicia a través desta iniciativa. O conselleiro salientou a importancia de avanzar na diversificación dos mercados exteriores e de “relanzar a marca Galicia para potenciar a calidade e excepcionalidade dos nosos productos”. Así mesmo, puxo en valor as accións impulsadas pola Xunta de Galicia para consolidar a presenza dos produtos galegos no mercado estadounidense e mitigar o impacto dos aranceis.
Para pechar o acto de apertura da formación, Roberto Alonso presentou as principais liñas de traballo de Competemar, detallando as fases que conforman o programa. Entre elas inclúense, ademais do itinerario formativo e das misións comerciais directas, servizos de coaching individualizado, accións de información e prospección de mercados e cheques de internacionalización e de viaxe de ata 2.000€ para a participación nas misións comerciais.
Esta primeira sesión, impartida por Nachy López serviu como punto de partida para as empresas participantes e marcou o inicio do curso en Internacionalización de Competemar. A xornada contou, ademais, coa participación de Concepción Blanco, profesional con traxectoria no ámbito da comercialización internacional, quen compartiu en detalle a súa experiencia práctica a través dun caso de éxito real. Durante a súa intervención, Blanco expuxo os principais retos, aprendizaxes e logros acadados no proceso de internacionalización dunha empresa galega de produtos do mar, centrando o seu relato nas accións desenvolvidas nos mercados obxectivo do programa.
As formacións terán lugar en formato presencial en Santiago de Compostela ata o vindeiro 17 de xuño. Ao longo do programa, e da man de profesionais especializados, abordaranse temáticas clave como a promoción e negociación internacional, o deseño de estratexias de marketing, a elaboración de plans de internacionalización e a captación e fidelización de clientes nos mercados exteriores.
O Programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar 2025 (Competemar), é unha aceleradora de internacionalización dinamizada por Clusaga e financiada pola Xunta a través da Consellería do Mar, que busca apoiar ás empresas dos produtos do mar na súa internacionalización co obxectivo de potenciar e mellorar o factor da competitividade para asegurar o crecemento sostible do sector.
Para facilitar a consecución deste fin, proporcionarase un paquete completo de servizos para impulsar a implantación internacional e o desenvolvemento comercial ao grupo de empresas participantes. Así, o proxecto oriéntase a dous mercados obxectivo para o sector dos produtos do mar, Estados Unidos e Emiratos Árabes Unidos, seleccionados segundo as experiencias da Consellería do Mar e atendendo ás expectativas do sector. A estratexia internacional está dirixida a estes dous mercados específicos, pero parte do apoio formativo e capacitación está deseñado dende unha perspectiva global.