O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), organizou no mes de marzo dúas misións comerciais inversas que ofreceron novas e valiosas oportunidades de negocio para as empresas alimentarias galegas. Estas accións tiveron como obxectivo establecer vínculos comerciais clave e facilitar a expansión internacional no sector alimentario.
A Misión Comercial Inversa Norteamérica centrouse en Estados Unidos, un dos mercados máis dinámicos do mundo. Durante esta misión, 27 empresas galegas tiveron a oportunidade de reunirse con importadores de Estados Unidos, un mercado de gran capacidade de compra e diversidade na demanda de produtos alimentarios. A xira incluíu tamén visitas ás instalacións de varias das empresas galegas participantes, reforzando os lazos comerciais e explorando novas posibilidades de expansión.
A iniciativa contou co apoio do Igape e a colaboración da Spain-US Chamber of Commerce, que facilitou a captación de importadores. Os importadores tiveron a oportunidade de coñecer de preto mediante visitas ás empresas Algamar, CABOMAR, Real Conservera Española, Aceites Abril, Viña Costeira, Embutidos Lalinense e Cortes de Muar.
A Misión Comercial Inversa Europa estivo centrada en reforzar a presenza das empresas galegas no mercado europeo. Europa, cunha poboación superior aos 500 millóns de habitantes e unha das maiores áreas de libre comercio do mundo, representa un mercado estratéxico para as empresas do clúster. Durante a misión, 28 empresas galegas reuníronse con importadores de países como Alemaña, Francia, Bélxica, Austria, Reino Unido e Italia. Estas xiras tamén incluíron visitas a fábricas e adegas, creando novas vías para establecer relacións comerciais duradeiras e fructíferas.
A misión contou co apoio do Igape e coa colaboración de Jaime Palafox, que facilitou a captación de compradores. As visitas á fábrica realizáronse nas instalacións de Congalsa, Queizuar, Torre de Núñez e Adegas Granbazán, que foron chave no éxito deste encontro.
As misións comerciais inversas organizadas por Clusaga teñen un impacto directo na consolidación internacional das empresas galegas. A modalidade inversa, onde son os importadores os que seleccionan as empresas coas que queren reunirse, permite establecer conexións precisas e de alto valor. Este formato facilita o acceso a mercados clave e permite ás empresas galegas optimizar as súas estratexias de expansión, incrementando así a súa competitividade a nivel global.