A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), celebrou o pasado 8 de abril no Edificio Fontán da Cidade da Cultura un Infoday para captar talento e identificar proxectos innovadores nas fases de incubación, aceleración e consolidación. O prazo de presentación de iniciativas, que permanece aberto desde o pasado 12 de marzo na web da aceleradora, remata o vindeiro 30 de abril ou o 2 de setembro, segundo a fase do proxecto.
O Infoday permitiu presentar en detalle as novidades da VII edición da aceleradora BFFood. Tal e como explicou Noelia Dosil, responsable do programa, esta convocatoria incorpora unha fase de incubación de tres meses de duración, cuxo obxectivo é axudar aos proxectos a validar a necesidade identificada e definir o seu modelo de negocio.
Ademais, inclúe un novo programa formativo a cargo das tres universidades galegas e incorpora estratexias renovadas de apoio ás startups na súa etapa de consolidación, cun programa específico de formación e coaching para a comercialización e internacionalización.
Un dos momentos destacados do evento foi a intervención de Nora Alonso, General Partner en Swanlaab Venture Factory, quen analizou os principais retos e oportunidades do sector alimentario, subliñando o papel clave da innovación tecnolóxica para impulsar solucións sostibles e escalables.
A xornada proseguiu con dous paneis centrados nos principais retos da industria alimentaria e nos casos de éxito impulsados pola aceleradora. No primeiro deles, moderado por Noelia Dosil, representantes de compañías líderes no sector debateron sobre os desafíos estratéxicos actuais. Participaron Florentino Vázquez, director de Negocio Eroski en Vegalsa; Lucía Sánchez Nouche, xestora de proxectos de innovación en Hijos de Rivera; e Alba Álvarez, responsable de innovación en CONGALSA.
No segundo panel, moderado por Noelia Vilar, directora de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da FEUGA, interviñeron David Blanco, CEO de Beniu Soluciones; Iago Seijo, cofundador de Logicmelt; e Iván García Besada, CEO de Néboda Farms. Os tres emprendedores compartiron a súa traxectoria, así como o impacto que supuxo para os seus proxectos a participación no programa da aceleradora.
A xornada concluíu cun acto institucional de clausura a cargo de Juanjo de la Cerda, CEO de Clusaga, e Covadonga Toca, directora xeral do IGAPE, que destacaron o papel da BFFood na transformación do sector alimentario en Galicia.
No seu discurso de peche, o CEO de Clusaga salientou a importancia da aceleradora na creación de novas empresas e emprego cualificado, así como o seu papel como instrumento clave para a transformación e modernización do sector alimentario galego. Durante a súa intervención, subliñou tamén o compromiso do clúster coa consolidación dun ecosistema innovador, capaz de atraer talento e investimento, e anunciou a renovación do convenio coa Xunta de Galicia, a través do IGAPE e Xesgalicia, para dar continuidade ao programa durante o período 2025-2027, no que se desenvolverán tres novas edicións da BFFood.
A directora do IGAPE, pola súa banda, puxo en valor o modelo público-privado das aceleradoras para fomentar a competitividade do sector alimentario, destacando que este é estratéxico para Galicia, tal e como se recolle na iniciativa de desenvolvemento do Plan Director do Sector Alimentario.
Finalmente, ofreceuse ás persoas asistentes a oportunidade de intercambiar ideas e facer networking, fomentando a creación de conexións estratéxicas.
A Business Factory Food, promovida pola Xunta de Galicia a través do IGAPE e Xesgalicia, e coordinada por Clusaga, consolidou o seu papel como unha iniciativa clave para impulsar o emprendemento no sector alimentario galego. Cunha traxectoria de seis edicións previas, o programa acompañou ducias de startups, facilitando o seu crecemento e conectándoas co tecido industrial e empresarial da rexión.