O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu obxectivo de acompañar ás súas empresas socias na transición verde e dixital, participa no proxecto europeo HIGHFIVE, unha iniciativa que comparte esta meta e busca acadala a través de investimentos interrexionais en innovación.
Tras un ano de actividade desta iniciativa, un total de seis organizacións socias de Clusaga contan con apoio económico de HIGHFIVE para impulsar accións de dixitalización e sustentabilidade. Dito apoio parte de dúas fontes: as convocatorias de axudas a proxectos de innovación de HIGHFIVE e a inclusión de empresas en HIGHFIVE mediante un proceso de ampliación de consorcio.
A primeira convocatoria destas características, das dúas que están previstas ao longo da vida de HIGHFIVE, pechou o pasado mes de agosto deixando resultados moi positivos para Galicia. Nomeadamente, recibíronse 58 propostas de empresas de 26 rexións europeas, das cales 7 foron de empresas galegas. Como resultado, 9 proxectos de innovación (procedentes de 5 rexións diferentes) foron seleccionados para recibir financiación, sendo 2 deles galegos.
O primeiro será realizado pola empresa Queizuar, que implementará nas súas instalacións sensórica avanzada para a monitorización continua de parámetros de calidade en soro lácteo, para así optimizar o proceso de valorización. Para levalo a cabo, contará coa colaboración de ANFACO-CECOPESCA e da empresa navarra Heladería Nalia.
O segundo proxecto seleccionado foi o de Glaücor Ingeniería, que traballará en sistemas continuos de medición da humidade en manteiga (a través de NIRS), para así automatizar o proceso de dosificación de auga. Para elo, colaborará coa empresa AOTECH Optical Technologies.
As empresas galegas interesadas en optar a estas axudas terán outra oportunidade para que as súas iniciativas sexan financiadas na segunda convocatoria de proxectos de innovación. Esta convocatoria permanecerá aberta do 15/01/2024 ao 28/03/2024.
Ademais do anterior, HIGHFIVE levou a cabo un proceso de ampliación de consorcio, mediante o cal se integraron nel empresas que desenvolverán iniciativas para a implementación de novas tecnoloxías dixitais e verdes.
Así, unha das cinco iniciativas incorporadas a HIGHFIVE é a que están a desenvolver Quescrem e TripleAlpha: unha ferramenta de previsión da demanda e compra baseada en IA, que permita a Quescrem optimizar os seus procesos de fabricación. Deste xeito, ambas entidades, as dúas socias de Clusaga, únense ao Clúster e á Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) na delegación galega do consorcio de HIGHFIVE.
Para máis información sobre o proxecto pódese contactar co Punto Rexional de HIGHFIVE para Galicia, Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga.