A Cidade da Cultura de Galicia acolleu este mércores a xornada “Os retos para un futuro sustentable no sector alimentario galego” organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en colaboración, coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Juanjo De la Cerda, presidente de Clusaga, e Celia Besteiro, Vicerreitora de Organización Académica da USC, inauguraron esta xornada na que se abordou a sustentabilidade ambiental. Posteriormente, Virginia Vidal, da Axencia Galega de Innovación (GAIN) explicou o proxecto europeo C-VoUCHER, no que Clusaga colabora, que ten por obxectivo axudar ás pemes no desenvolvemento e aplicación de solucións de economía circular.
Pola súa banda, Anabel Rodríguez, directora executiva e vicepresidenta do padroado da Fundación para a Economía Circular, abordou a economía circular no marco do desenvolvemento sustentable. Tras a súa intervención, Grupo Nova Pescanova e CAPSA FOOD, socios de Clusaga, explicaron as súas políticas de sustentabilidade e os retos aos que se enfronta a industria.
Ángel Matamoro, director de RSC e relacións institucionais de Grupo Nova Pescanova, destacou o compromiso coa sustentabilidade dos recursos naturais e coas comunidades nas que están presentes, actuando de forma ética, mantendo a confianza e creando valor.
Mentres que Estefanía Iglesias, presidenta da Comisión de Sustentabilidade de Clusaga e directora de sustentabilidade de CAPSA FOOD, explicou a visión e propósito desta compañía, que engloba a marca galega Larsa: “dar futuro ao socio gandeiro, ofrecendo produtos naturais e servizos que melloren a saúde e calidade de vida das persoas”.
Finalmente, a directora xeral de calidade ambiental e cambio climático da Xunta de Galicia, María Cruz Ferreira, analizou a AXENDA 2030 en Galicia e clausurou a xornada.