
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) vén de finalizar con éxito a primeira edición de Food Talent+, unha iniciativa pioneira dirixida a achegar a realidade da industria alimentaria galega ás novas xeracións e espertar vocacións profesionais vinculadas a un dos sectores estratéxicos da comunidade.
Durante este curso escolar, o programa chegou a un total de 310 estudantes de 4º da ESO a través de catro sesións celebradas en centros educativos das catro provincias galegas, garantindo así unha representación territorial equilibrada e permitindo trasladar a mensaxe a alumnado de distintos contornos de Galicia.
A iniciativa xorde nun momento especialmente relevante para a mocidade, xa que o remate da Educación Secundaria Obrigatoria supón a necesidade de tomar decisións sobre o seu futuro académico e profesional. Con este proxecto, Clusaga quixo acompañar ao estudantado nesta reflexión, amosándolle que, independentemente de optar pola Formación Profesional ou por estudos universitarios, a industria alimentaria ofrece múltiples oportunidades de desenvolvemento profesional en ámbitos moi diversos.
A industria alimentaria constitúe na actualidade o principal sector industrial de Galicia en termos de emprego e sitúase entre os máis relevantes do país polo seu volume de facturación. Porén, esta realidade é moitas veces descoñecida pola mocidade, que adoita asociar o sector a perfís profesionais tradicionais, afastados da innovación e da tecnoloxía que hoxe caracterizan ás empresas alimentarias.
Por este motivo, un dos principais obxectivos de Food Talent+ foi contribuír a derrubar estereotipos e actualizar a percepción que as novas xeracións teñen sobre a industria alimentaria. A través dunha metodoloxía dinámica e próxima, as sesións amosaron un sector cada vez máis vinculado á dixitalización, á automatización, á sustentabilidade, á investigación, á análise de datos, á intelixencia artificial, ao desenvolvemento de novos produtos e á internacionalización.
Para acadar isto, Clusaga contou ademais coa participación de empresas asociadas que compartiron de primeira man a súa experiencia co alumnado. Os profesionais participantes (Torre de Núñez, Viña Costeira, Nauterra e Cabomar) explicaron como é o día a día das súas organizacións, cales son os perfís máis demandados na actualidade e que transformacións están a marcar o futuro da industria alimentaria. Esta visión práctica permitiu ao alumnado descubrir a ampla variedade de profesións que conviven no sector e coñecer oportunidades laborais que, en moitos casos, descoñecían.
A boa acollida obtida tanto por parte dos centros educativos como do alumnado confirma o interese e a necesidade de seguir impulsando iniciativas de orientación profesional conectadas coa realidade empresarial galega. As sesións xeraron unha elevada participación e propiciaron un espazo de diálogo no que a mocidade puido resolver dúbidas, compartir inquedanzas e achegarse a un sector clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia.
Tras os resultados obtidos nesta primeira experiencia piloto, Clusaga traballa xa na planificación de novas edicións para o vindeiro curso académico co obxectivo de ampliar o alcance do programa e incorporar novos centros educativos de toda Galicia. A entidade prevé tamén reforzar a participación de empresas alimentarias de cada territorio para seguir achegando ao alumnado exemplos reais de innovación, talento e desenvolvemento profesional.
Con iniciativas como Food Talent+, Clusaga reafirma o seu compromiso coa promoción do talento, a conexión entre o sistema educativo e o tecido empresarial e a construción dunha industria alimentaria máis preparada para afrontar os retos de futuro, garantindo a remuda xeracional e poñendo en valor as oportunidades que ofrece un dos motores económicos de Galicia.









