O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) asinou un acordo de colaboración con Correos Market, a plataforma de comercialización de produtos artesanais que Correos puxo en marcha para achegar os vendedores locais a calquera cidadán.
Este acordo permitirá aos socios de Clusaga gozar de beneficios no acceso dos seus produtos á plataforma. Para facer uso deste servizo, as empresas que estean interesadas deben rexistrarse na sección faiche produtor da web de Correos Market e cando se poñan en contacto desde a devandita plataforma para formalizar a admisión como vendedores indicar que son socias do Clúster Alimentario de Galicia.
Correos Market conta cun sistema que permite acreditar a calidade de produtos procedentes de produtores locais e artesáns mediante o “Selo de Calidade de Correos Market” e integralos coa plataforma de paquetería de Correos. Deste xeito, o produtor local, ao subir os seus produtos a Correos Market, aumenta a visibilidade do negocio, ao poder envialos a calquera punto do noso país, ademais de recibir unha certificación de calidade, e sen supoñer ningún risco ou investimento. O obxectivo é garantir a calidade dos produtos elaborados, creados, tratados ou distribuídos, potenciando e facilitando desta maneira o seu valor diferencial e presenza no mercado.
Correos Market nace, en maio do ano pasado, para que os pequenos produtores, na súa maioría de zonas rurais e despobladas, poidan vender os seus produtos online de maneira fácil e en calquera parte de España. Desde o seu lanzamento, máis de 375 produtores participan xa neste mercado virtual para o que Correos prestou o longo percorrido das súas infraestruturas, que permiten chegar practicamente a todos os recunchos do país.
Para resolver calquera dúbida ou obter máis información sobre este acordo, os socios de Clusaga poden escribir un email a covid@clusaga.org.
Máis información sobre Correos Market: market.correos