Milktelligence e Smart4Cheese, dous proxectos de I+D+i aplicada á dixitalización do sector lácteo galego e coordinados polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presentaron esta mañá os seus resultados nun evento celebrado en Santiago de Compostela. Trátase de dúas iniciativas financiadas no marco do programa de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs) que promove o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR), e que involucraron a 11 empresas socias do Clúster na súa execución.
O evento, organizado pola Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendimiento de Clusaga, incluiu presentacións doutros proxectos e servizos na mesma liña. En concreto, déronse a coñecer as iniciativas MILKCHAIN, GC4SHEEP e Dixitalización da cadea de valor da IXP Ternera Gallega, implementadas polas entidades socias de Clusaga Himikode, Medrar Smart Solutions e Vacún de Galicia; e o proxecto interclúster coordinado por Clusaga NEXADA, implementado xunto a Catalan Water Partnership e Clúster Gaia.
En materia de servizos, o Clúster presentou Innpulsa, un dos catro que integran o novo catálogo de prestacións para socios en 2023, enfocado a buscar financiamento para proxectos e dar apoio personalizado para a súa execución. O bloque de servizos pechou coa exposición de DIHGIGAL das súas prestacións para a transformación dixital da industria alimentaria.
Milktelligence, promovido por Clusaga, implicou ás empresas socias PS Vet Dairyquality, Innogando, GALACTEUM, Feiraco e Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña, e abordou a necesidade do sector lácteo de mellorar a súa produtividade mediante o emprego dunha nova plataforma de xestión que integre os principais valores do sector primario e secundario de xeito automatizado, para unha toma de decisións áxil.
Grazas ao emprego de IoT (sensórica) adaptada para o sector agrogandeiro e á visualización destes datos en dashboards especificamente deseñados, este proxecto dota aos participantes dunha ferramenta que pretende aumentar a súa competitividade en termos de rendemento produtivo, sanidade animal e calidade dos produtos.
Por outra parte, Smart4Cheese, coordinado polo Clúster e implementado polas empresas socias Grupo Entrepinares, Queizuar, ASM Soft, Medrar Smart Solutions, ANFACO-CECOPESCA e Instituto Tecnológico de Galicia, perseguiu o obxectivo de impulsar a sustentabilidade do sector lácteo de queixerías grazas á investigación industrial en tecnoloxías innovadoras dixitais baseadas en intelixencia artificial e fotónica avanzada.
Así, no marco deste proxecto desenvolveuse un sistema de rastrexabilidade “da granxa á mesa” que integra datos de toda a cadea de valor, incluíndo variables de calidade, sustentabilidade e produción. Dita ferramenta permite xerar sistemas de dashboards de visualización dos principais KPIs, dotándoos de modelos preditivos que, gracias á IA, permiten aos produtores contar cunha plataforma de monitorización realizada ad hoc para a mellora da toma de decisións no sector, integrando a dixitalización como ferramenta clave na sustentabilidade e a rastrexabilidade dosector.
Tanto Milktelligence coma Smart4Cheese recibiron apoio do Fondo de Recuperación NextGenerationEU para a aceleración da transformación dixital, ademais do da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. A preparación destas propostas contou con soporte da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por Clusaga e apoiada pola Xunta de Galicia a través do Igape.
Nesta liña e xunto a estes dous proxectos, Clusaga tamén impulsa a candidatura galega ao PERTE agroalimentario para a mellora da competitividade do sector lácteo. O proxecto tractor “SMARTZ4MILK. Cadena de Valor Láctea Inteligente, Trazable, Sostenible y Conectada”, liderado por la empresa socia de Clusaga Grupo Leche Rio, conta cun orzamento de 25.9 M€ para acometer proxectos de I+D+i e inversións en sustentabilidad que supoñan unha revolución para todo o sector lácteo español.
Grazas a este orzamento, SMARTZ4MILK abordará en tres grandes bloques (competitividade, sustentabilidad e rastrexabilidade), un total de 24 proxectos primarios co obxectivo de transformar este sector a través da I+D+i e a inversión en activos de protección ao medio ambiente e aforro enerxético.
SMARTZ4MILK conta cun total de 14 empresas participantes, entre as que se encontran cinco empresas tecnolóxicas e as empresas lácteas Grupo Leche Rio (líder), Leche Celta S.L.U., Lácteos de Santander S.A., Corporación Alimentaria Peñasanta S.A. CAPSA-LARSA, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G., Agrupación de Cooperativas Lácteas S.L., Cooperativa Agraria Provincial De A Coruña S.C.G., Queizuar S.L. e Queixeria Prestes S.L.A.
O carácter innovador del proxecto vese reforzado ao contar, ademais, coa participación da Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, así como con outras 22 empresas tecnolóxicas que participan como entidades subcontratadas. Tamén conta con Medrar Smart Solutions coma coordinador técnico da proposta.
A industria galega láctea xera máis de 1.000 millóns de euros de volume de negocio e máis de 2.000 empregos directos, polo que é unha das cadeas de valor con maior importancia socioeconómica na Comunidade, representando, ademais, o 60% da gandería e o 40% da produción leiteira en España. Do mesmo xeito, o sector lácteo conta cunha gran intensidade de innovación en todas as fases da súa cadea de produción, onde a dixitalización e a sustentabilidade das explotacións son as dúas liñas fundamentais de actividade.