O Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela acolleu hoxe o primeiro evento do Programa Mercados & Insights, organizado pola Área de Mercados do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A xuntanza consistiu nun xantar-networking no que as empresas de alimentación e bebidas asistentes tiveron a oportunidade de escoitar e debater con César Valencoso, director de consultaría e Insights en Kantar, sobre a importancia dos datos á hora de deseñar estratexias de marketing e posicionamento de marcas e produtos.
En relación ao comportamento do Gran Consumo, o experto de Kantar salientou que non é coma se nos explica na teoría: “As marcas que máis medraron, atendendo aos números, o fixeron grazas á penetración, non á fidelidade”, engadiu, concluíndo que “o que fai medrar unha marca é que consiga que mañá lle merquen consumidores que non lle mercan hoxe”.
O resto da xornada, enfocada ao impulso das marcas, serviu para pór en valor as fontes de información en relación a análise do comportamento de mercados e consumidores nun contexto de incerteza, no que o consumo consciente, a información detallada e o propósito das marcas teñen adquirido enorme relevancia para os decisores da compra nos fogares.
Ao remate da conferencia, as persoas representantes das empresas asistentes Aceites Abril, Adegas Terras de Asorei, Agro de Bazán, Bodegas Martín Códax, Campomayor, CLUN, Deinal, Grupo Lence, Paco&Lola, Quescrem, Torre de Núñez, Vegalsa e Viña Costeira, tiveron a oportunidade de facer networking durante o xantar, intercambiando experiencias e inquedanzas nas súas estratexias de marketing e comercialización, así como na aposta por desenvolver proxectos colaborativos entre elas que contribúan a posicionar a calidade e excelencia da industria da alimentación e bebidas de Galicia.
Este xantar-networking foi a primeira de diversas accións planificadas a través da Área de Mercados de Clusaga para o ano 2023, nas que as empresas asociadas terán a oportunidade de participar en espazos de debate e colaboración ao redor dos mercados, marketing e consumo e que, sen dúbida, contribuirán a fornecer a visibilidade das súas marcas e a competitividade dos produtos galegos.