
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), dá comezo ao ano 2026 coa II Edición do Foro GREEN VALUE 4 FOOD, que consolida esta cita como un espazo de referencia bianual de reflexión, diálogo e impulso de accións en materia de sustentabilidade, economía circular e transición verde para a cadea de valor alimentaria. O éxito da primeira edición, celebrada en xaneiro de 2024 e que reuniu a preto de 150 profesionais e representantes de entidades do sector alimentario, evidencia o interese crecente do ecosistema empresarial e institucional en avanzar cara a modelos responsables e competitivos.
A xornada celébrase o 29 de xaneiro, en horario de mañá, na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), reunindo profesionais de primeira liña vinculados á industria alimentaria, servizos auxiliares, investigación, consultoría estratéxica e administración pública, contando coa presenza da Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
O programa do Foro GREEN VALUE 4 FOOD integra dúas mesas redondas e dúas conferencias inspiradoras, nas que se examinarán, dende perspectivas estratéxicas e prácticas, o compromiso sostible das empresas, o impacto ambiental do sector e as principais vías para avanzar cara a modelos máis responsables, eficientes e aliñados cos retos actuais da sustentabilidade nas súas tres vertentes: ambiental, social e de gobernanza.
A primeira mesa terá un enfoque empresarial centrado no valor xerado pola sustentabilidade na cadea de produción e negocio, reunindo a representantes de empresas e organizacións que están a integrar de forma efectiva criterios ambientais e circulares nas súas estratexias de crecemento. Xa a segunda, abordará temas máis amplos relacionados coa paisaxe, a regulación, a reciclaxe e a tecnoloxía, analizándoos como factores estruturais para a transición verde e a resiliencia do sector alimentario.
O panel de relatores inclúe, entre outros, representantes de empresas recoñecidas polo seu compromiso coa sustentabilidade ambiental e social e coa agricultura rexenerativa, como Mahou, Daveiga e Adega do Vimbio, así como entidades líderes en xestión ambiental e economía circular dos envases como Ecoembes e firmas multinacionais especializadas en solucións industriais sostibles como Solenis. No ámbito da consultoría, participan referentes en medio ambiente, clima e fiscalidade verde como PwC, así como expertos en investigación desde a perspectiva da paisaxe e sustentabilidade, entre os que se conta a participación do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), organismo dedicado á investigación transdisciplinar sobre paisaxes e sustentabilidade no marco do Sistema Universitario de Galicia.
O Foro conta ademais con dúas conferencias principais. A primeira será impartida por Manuel Maqueda, Profesor de Programas Especiais de Economía Circular Aplicada e Economía Rexenerativa na Universidade de Harvard e experto internacional en transición circular e innovación sistémica. A súa intervención centrarse-á na economía circular e a bioeconomía, ofrecendo análises profundas sobre o papel transformador destes enfoques no contexto empresarial e global.
A segunda conferencia contará coa participación de Nicola Cerantola, fundador e CEO de Ecologing, consultor e docente internacional en Economía Circular e creador da metodoloxía Ecocanvas. A súa ponencia estará centrada na circularidade e na mellora de implementación de ferramentas prácticas para activar a transición circular no sector alimentario, proporcionando claves para pasar da teoría á práctica nas empresas.
Ao longo do Foro abordaranse cuestións clave para que as decisións empresariais xeren valor e impacto real, incorporando a sustentabilidade e a economía circular nas estratexias das empresas. Tamén se analizarán palancas como a contribución ao paisaxe galego do sector alimentario, a regulación, o reciclaxe e a tecnoloxía, co obxectivo de acelerar a restauración da natureza, aumentar a capacidade de adaptación ao cambio climático e a súa mitigación e reducir o impacto ambiental das empresas alimentarias.
O Foro pecharase coas intervencións da Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, e do Presidente de Clusaga, precedendo un cóctel networking combinado cun espazo expositivo de Solucións Sostibles para o Ecosistema Alimentario.
O evento está dirixido a todos os profesionais e persoas interesadas no sector alimentario, e as inscricións pódense realizar a través da páxina web oficial: www.greenvalue4food.info.
GREEN VALUE 4 FOOD é unha iniciativa de Clusaga que conta co Patrocinio Ouro da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e co Patrocinio Prata de Ecoembes. Ademais, o proxecto recibe o apoio do Igape a través das axudas á transformación dixital das pemes, cofinanciadas pola Unión Europea.









