O pasado venres 22 de setembro, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) estivo presente no acto de presentación da Guía de Contratación Pública Ecolóxica de Galicia, unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que tivo lugar non Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.
O documento presentado consiste nunha folla de ruta que establece criterios de contratación para a propia Administración, introducindo requirimentos técnicos e condicións de carácter ambiental nos contratos dos distintos órganos do sector público. Ademais, o documento traslada a nivel autonómico as bases do Pacto Verde Europeo, o principio de “Non causar prexuízo significativo ao medio ambiente” (DNSH) e a Taxonomía Verde.
Elaborada no marco da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, a Guía é unha ferramenta de referencia e consulta dinámica e en evolución, que se pon ao dispor de todos os órganos da Administración pública e das empresas para que conten con información sobre criterios verdes nos procedementos de contratación, a Lei de residuos de Galicia de 2021 para o fomento da Economía Circular, ou a futura Lei do clima de Galicia, cuxo obxectivo é a redución de emisións.
O documento, a cuxa presentación acudiron Roberto Alonso, director de Clusaga, e Perla Ferrer, responsable da Área de Sustentabilidade e Economía Circular, inclúe criterios verdes que afectan á alimentación, servizos de restauración e organización de eventos.
Así, as empresas involucradas na cadea de valor dos alimentos e as bebidas deberán telos en conta para optar a licitacións e contratacións por parte do sector público. Do mesmo xeito, as canles de catering estenderán estes requisitos aos seus provedores de produtos alimentarios.