O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou este xoves o almorzo informativo “As políticas de promoción e protección da calidade dos produtos alimentarios galegos e do fomento da I+D+i” en Santiago de Compostela. A xuntanza contou coa participación de Jose Luis Cabarcos, director xeral da Axencia de Calidade Alimentaria de Galicia (Agacal), xunto co director de Clusaga, Roberto Alonso, e representantes de empresas asociadas do sector da alimentación de Galicia.
Neste almorzo abordáronse diferentes cuestións de interese para o sector alimentario de Galicia, destacando a necesidade de fomentar a colaboración público-privada e dando a coñecer as diferentes ferramentas de financiación e axudas coas que conta Agacal e das que poden ser beneficiarias as empresas de alimentación e bebidas de Galicia.
O director xeral de Agacal destacou a importancia de acompañar ás empresas do sector alimentario no desenvolvemento de ideas disruptivas, así como nos procesos de incorporación tecnolóxica e aposta pola innovación.
Por outra banda, e sendo a calidade diferenciada, a formación e a innovación os tres piares desde os que se traballa en Agacal para que as empresas do sector poidan empoderarse na súa actividade como industria e, ao mesmo tempo, contribuír ao asentamento de poboación no rural, subliñouse a importancia de abrir xanelas que outorguen protagonismo ás empresas, de cara a fortalecer o produto de calidade de Galicia. De feito, tal e como se apuntou, o sector produtivo da alimentación xunto coas asociacións da industria, son un reflexo da fortaleza que caracteriza a Galicia e das súas posibilidades de expansión e consolidación.
Un dos puntos a destacar desta xuntanza foi a creación do Consello Alimentario de Galicia, do que Clusaga formará parte, e que representa unha oportunidade para o sector ao integrar ao ámbito público e privado na elaboración de plans estratéxicos e proxectos normativos en materia de calidade alimentaria.
No foro final deste almorzo informativo, os representantes das empresas puideron compartir con Agacal as inquedanzas en materia normativa, coñecer máis polo miúdo a Lei de calidade alimentaria e informarse das canles de apoio a iniciativas da industria alimentaria que lles permitan aumentar a súa competitividade.