O segundo xantar networking organizado pola área de Mercados do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) tivo lugar esta mañá no Hotel AC Palacio del Carmen, en Santiago de Compostela.
Como xa é característico deste Programa de Clusaga, o evento consistiu nun xuntanza no que as empresas de alimentación e bebidas participaron nunha conferencia, nesta ocasión con Beatriz Pereira, CEO de Iuni Strategic Marketers, para continuar cun xantar no que intercambiaron experiencias, aprendizaxes e novos retos en materia de Mercados, Consumo e Marketing.
Baixo o título “Novas oportunidades na investigación comercial. Enfoques e ferramentas para o éxito”, Beatriz Pereira centrou o seu discurso en dar a coñecer as vantaxes competitivas derivadas do uso de ferramentas de investigación comercial, apostando por medir o comportamento dos consumidores e analizar as motivacións que explican os cambios que se producen nas decisións de compra.
O director de Clusaga, Roberto Alonso, aproveitou a xuntanza para destacar a importancia de que a industria alimentaria galega incorpore as súas áreas de comercialización e marketing a investigación de mercados, aproveitando os datos para a toma de decisións e confiando nas ferramentas de investigación de mercados que Clusaga pon ao seu servizo.
Subliñou tamén a traxectoria de Clusaga acompañando a empresas galegas de alimentación e bebidas no lanzamento de novos produtos, na inmersión en mercados internacionais e no estudo das percepcións dos consumidores en canles de comercialización altamente competitivas.
As persoas asistentes a este xantar networking tiveron tamén a oportunidade de coñecer máis polo miúdo o Servizo Insights que presta Clusaga ás súas empresas socias. Trátase dun servizo de intelixencia competitiva mediante a análise de produtos, mercados e consumidores, que tradicionalmente ten unha elevada demanda entre asociados e que os ten acompañado e orientado na toma de decisións estratéxicas.
A responsable deste servizo, Belén Vázquez, quen tamén coordina a Área de Mercados e Internacionalización de Clusaga, puxo o foco nas oportunidade que representa para as empresas contratar este servizo á hora de lanzar novos produtos, coñecer as particularidades de comercialización da competencia ou indagar nas preferencias dos consumidores, entre outras prestacións.