O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración dos asociados TripleAlpha Innovation, Elige Plus Consultores e Medrar Smart Solutions, organiza o Ciclo “Obradoiros de Dixitalización na industria alimentaria galega: solución tecnolóxicas, innovación e oportunidades de negocio”. Esta iniciativa ten o obxectivo de xerar proxectos de I+D+i colaborativos no ámbito da dixitalización, e involucra a 10 empresas socias de Clusaga.
O Clúster ten a misión de impulsar e fomentar a innovación no sector alimentario coma ferramenta fundamental dos sectores industriais, nos que a dixitalización segue a ser unha das chaves da competitividade, a eficiencia e o valor engadido. En liña con este propósito, Clusaga organiza estes Obradoiros de Dixitalización cun enfoque práctico e orientado a resultados que, a través de sesións grupais de traballo, pretenden detectar necesidades e oportunidades para os seus socios.
En concreto, as empresas Clavo Food Factory, Grupo Pereira, Real Conservera Española, Jamones González, FreshCut, Kiwi Atlántico, DG Panadería y Hostelería SL (franquiciado Sanbrandan) Novafrigsa (Grupo Coren), Cafés Candelas e Torre de Nuñez participan nesta iniciativa.
Estes Obradoiros, cuxo acto de apertura tivo lugar o pasado 13 de marzo, están estruturados en tres fases. A primeira consiste en tres reunións de traballo grupais presenciais que terán lugar no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela) entre o 24 de marzo e o 14 de abril. Estas sesións serán dinamizadas por Clusaga coa colaboración, respectivamente, dos asociados TripleAlpha Innovation, Medrar Smart Solutions e Elige Plus Consultores.
A segunda parte, axendada entre o 14 de abril e o 10 de maio, consiste en visitar as sedes das empresas participantes nos Obradoiros para, en base ás necesidades e oportunidades detectadas nas sesións grupais previas, avaliar in situ como adaptar as distintas solucións dixitais á realidade da súa actividade produtiva, tendo en conta as súas necesidades concretas, instalacións e sistemas dispoñibles de cara a maximizar a rendibilidade, eficiencia e sustentabilidade das operacións.
Para rematar, celebrarase en aberto un evento de speednetworking, no que as empresas socias de Clusaga, tanto alimentarias coma tecnolóxicas, poderán intercambiar ideas e experiencias sobre solucións tecnolóxicas no ámbito da dixitalización, promovendo a interacción entre eles e facilitando así o desenvolvemento de proxectos colaborativos.