
O sector alimentario galego celebrou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o acto de clausura do programa PROALIS-CARBON, unha iniciativa promovida polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia no marco da Alianza Galega polo Clima, coa colaboración de Vegalsa-Eroski como empresa tractora. PROALIS-CARBON é un programa colectivo de acción climática que ofrece diagnóstico, formación e asesoramento personalizado ás empresas, co obxectivo de apoiar ao sector na transición cara a modelos máis sostibles, resilientes e competitivos.
O programa PROALIS-CARBON contou coa participación de 24 empresas dos principais subsectores alimentarios de Galicia e formou a profesionais de distintas áreas en temas diversos relacionados coa acción climática, como doble materialidade, análise de riscos climáticos, medición de pegadas de carbono, eficiencia enerxética e comunicación da sustentabilidad e acción climática. A participación reflectiu a diversidade do tecido produtivo galego, abarcando compañías de distintos tamaños e niveis de madurez climática, proporcionando ferramentas prácticas para integrar estas prácticas nas operacións empresariais.
O acto de clausura reuniu ás empresas participantes, representantes de Clusaga e membros da administración nun encontro onde se presentaron os resultados do programa e se puxeron en valor os avances conseguidos ao longo das distintas fases. Durante a xornada presentáronse os resultados do programa e celebrouse unha mesa redonda sobre liderado na descarbonización, na que participaron empresas do sector como CEAMSA, Cool Berries, Aira Coop. Galega e Torre de Núñez, que compartiron experiencias, retos e boas prácticas. Ademais, entregáronse diplomas de formación a todas as empresas participantes como recoñecemento polo seu compromiso co programa.
Dentro de PROALIS-CARBON, as empresas participantes podían optar a dúas modalidades. A Empresa Activa Clima estaba pensada para aquelas compañías que iniciaban o seu camiño climático, mentres que a modalidade Élite Clima dirixiuse a empresas con maior grao de madurez, que demostraron compromiso destacado e precisaban apoio técnico ou estratéxico. Estas compañías recibiron acompañamento experto individualizado e o recoñecemento como líderes que impulsan a acción climática e serven de referentes para o sector e para Galicia.
Neste marco, cinco compañías foron recoñecidas como Élite Clima polo seu compromiso e capacidade de liderar accións de descarbonización: Pazo de Vilane, CEAMSA, Martín Códax, Grupo Pereira e Cool Farms. Estas empresas demostraron que era posible integrar a sustentabilidade nas operacións empresariais, avanzar en competitividade e innovación, e marcar o camiño para o resto do sector galego, reforzando a importancia de combinar responsabilidade ambiental e eficiencia empresarial.
O peche do acto contou coa presenza de Paula Uría Traba, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, e de Jorge Eiroa López, vicepresidente de Clusaga. A xornada rematou cun café-networking que facilitou o intercambio de aprendizaxes entre empresas e reforzou a colaboración dentro do sector alimentario galego.
Durante a súa intervención o vicepresidente de Clusaga subliñou que “a sostibilidade xa non é un valor engadido, senón un eixo da xestión empresarial”, destacando que as compañías galegas integran este enfoque para xerar competitividade, innovación e valor para Galicia. Eiroa salientou que este avance é posible grazas á colaboración público-privada, que ofrece apoio e ferramentas clave para impulsar a descarbonización, e destacou o papel de Clusaga como “axente dinamizador e facilitador, promovendo a transferencia de boas prácticas e fortalecendo a acción climática en todo o sector”.
Pola súa parte, a directora xeral felicitou a Clusaga por aglutinar e mobilizar ao tecido empresarial, destacando que a misión de descarbonizar o sector antes de 2040 só é posible coa implicación directa das empresas. Subliñou o valor do traballo conxunto da administración co sector alimentario e avanzou próximos pasos tamén ambiciosos, como a posta en marcha do mercado voluntario de créditos de carbono para incentivar a redución real de emisión.
PROALIS-CARBON estruturouse en varias fases, que inclúen un diagnóstico inicial, sesións formativas sobre dobre materialidade, medición de pegadas e comunicación da sustentabilidade, e un servizo de coaching personalizado con entre 25 e 30 horas de asesoramento. Na fase final realizouse un balance dos avances, identificáronse boas prácticas e extraéronse aprendizaxes replicables noutras compañías ou sectores.
As empresas participantes demostraron un alto grao de compromiso e madurez, integrando a sustentabilidade e descarbonización como ferramenta de competitividade, innovación e xestión de riscos. PROALIS-CARBON deixa instaladas capacidades duradeiras que permitirán ao sector mellorar a xestión climática, avanzar na medición de gases de efecto invernadoiro e preparar ás empresas para futuros retos regulativos, consolidando o camiño de Galicia cara á neutralidade climática 2040.









