
O sector alimentario galego reafirma o seu compromiso coa descarbonización coa sinatura do convenio PROALIS-CARBON, unha iniciativa promovida polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia no marco da Alianza Galega polo Clima, coa colaboración de Vegalsa-Eroski como empresa tractora.
O acto de sinatura tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia e foi o arranque dunha xornada centrada en dar visibilidade ás accións en marcha para avanzar cara a un modelo produtivo máis sostible e resiliente.
A directora xeral de Enerxías renovables e Cambio Climático, Paula Uría Traba, deu a benvida aos asistentes. A sinatura do convenio estivo encabezada por Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e Andrés Rodríguez Gómez, presidente de Clusaga. No acto estiveron tamén presentes, en representación do clúster, Juan José de la Cerda, CEO, e Roberto Alonso, director; así como, por parte de Vegalsa- Eroski, Jorge Eiroa, director de Compras e Ricardo Castro, director de Calidade e Medioambiente.
Durante a súa intervención, Andrés Rodríguez subliñou a relevancia do acordo, sinalando que “esta é unha xornada clave para Clusaga, xa que supón a firma do noso primeiro convenio coa Consellería de Medio Ambiente”. Destacou tamén que este apoio institucional “reflicte a visión da Consellería ao recoñecer o papel estratéxico do sector alimentario na transición cara a un modelo máis sostible”. Ademáis, puxo en valor o compromiso das empresas participantes, afirmando que “son elas as que lle dan sentido e valor real a este esforzo colectivo pola descarbonización do sector”.
Pola súa parte, a conselleira Ángeles Vázquez puxo en valor o papel fundamental do sector alimentario na transición ecolóxica, asegurando que “non haberá descarbonización se non se aposta polo sector alimentario”. Tamén quixo destacar o papel tractor do clúster, sinalando que “como administración, sentimos que estamos protexidos por grandes profesionais que buscan o mellor para Galicia”. A conselleira aproveitou a ocasión para destacar a importancia da colaboración público-privada e facer referencia á nova Lei do Clima de Galicia, que establecerá un marco legal estable para impulsar a acción climática na comunidade e garantir a coordinación entre administracións e sectores estratéxicos.
O convenio presentado permitirá o desenvolvemento do Programa Colectivo de Acción Climática e Descarbonización do Sector Alimentario Galego, PROALIS-CARBON, unha iniciativa deseñada para ofrecer acompañamento experto, formación práctica e ferramentas útiles ás empresas alimentarias que queiran reducir a súa pegada de carbono e integrar criterios climáticos na súa xestión.
O programa estrutúrase en varias fases, que inclúen un diagnóstico inicial das empresas participantes, sesións formativas sobre aspectos clave como a dobre materialidade, a medición de pegadas ou a comunicación da sostibilidade, e un servizo de coaching personalizado, a través do cal as empresas contarán con entre 25 e 30 horas de asesoramento especializado. A fase final, de avaliación, permitirá facer balance dos avances obtidos, identificar boas prácticas e extraer aprendizaxes que poidan ser replicables noutras compañías ou sec tores.
Ademais, o programa ofrece dúas modalidades de participación, adaptadas ao grao de madurez climática das empresas. A modalidade Empresa Activa Clima está pensada para aquelas entidades que están a iniciar o seu camiño cara á descarbonización, mentres que Empresa Élite Clima recoñecerá ás compañías máis avanzadas e comprometidas, que recibirán apoio técnico máis intensivo e actuarán como referentes para o sector.
PROALIS-CARBON está aliñado cos obxectivos da Alianza Galega polo Clima, e nace co propósito de contribuír activamente á neutralidade climática de Galicia antes de 2040. A través da colaboración público-privada, o programa aposta por un modelo de desenvolvemento económico que combine competitividade, calidade e innovación cunha clara orientación á sostibilidade e á responsabilidade ambiental.
Con este convenio, Clusaga consolida a súa posición como axente dinamizador do cambio no sector alimentario, promovendo unha transición ecolóxica que non só beneficiará ao medio ambiente, senón que tamén fortalecerá a posición das empresas galegas nos mercados nacionais e internacionais.
A xornada celebrada no Edificio Fontán contou tamén cunha mesa de boas prácticas sobre descarbonización na cadea de valor, na que participaron representantes de empresas como Bodegas Martín Códax, Nauterra e Quescrem, que compartiron experiencias e desafíos no seu camiño cara á sostibilidade.
O programa PROALIS-CARBON representa unha oportunidade estratéxica para que as empresas alimentarias galegas se posicionen á vangarda da acción climática e reforcen o seu compromiso co futuro do planeta e coas vindeiras xeracións.









