
O Clúster Alimentario de Galicia e a Fundación Semana Verde de Galicia renovaron o seu convenio de colaboración, consolidando unha alianza estratéxica que alcanza que en 2026 cumprirá unha década de traxectoria compartida ao servizo do sector agroalimentario galego.
A renovación do acordo foi formalizada o pasado 19 de xaneiro durante a visita de Ricardo Durán, director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia (FSVG), á sede de Clusaga. Este convenio reforza a aposta conxunta pola internacionalización do sector, facilitando a conexión das empresas alimentarias galegas con mercados exteriores a través da feira Salimat Abanca.
No marco desta colaboración, Clusaga e a FSVG impulsan unha nova edición do Encontro Internacional de Compradores, un espazo de networking empresarial clave para a xeración de oportunidades comerciais. Na súa última edición, o encontro posibilitou máis de 1.200 reunións B2B con compradores procedentes de 16 países, permitindo ás empresas do sector explorar novas vías de negocio no exterior. A próxima edición terá lugar en Salimat Abanca 2026, que se celebrará en Silleda do 4 ao 7 de xuño, co obxectivo de seguir ampliando a presenza de importadores e distribuidores internacionais.
Salimat Abanca consolidouse ao longo dos anos como un evento de referencia para o sector agroalimentario galego, cun marcado carácter profesional e unha crecente proxección internacional. A feira constitúe un punto de encontro para produtores, distribuidores e outros axentes da cadea de valor, favorecendo a xeración de negocio e o intercambio de coñecemento.
O seu programa inclúe showcookings, catas, talleres e xornadas técnicas nas que se analizan as principais tendencias e retos da industria alimentaria, configurando un espazo de interese tanto para profesionais como para público especializado.
Outro dos piares desta colaboración é o Foro e os Premios Galicia Alimentación, organizados por Clusaga coa colaboración de entidades públicas e privadas, entre as que destaca a Fundación Semana Verde de Galicia. Esta iniciativa consolidouse como un espazo estratéxico de encontro, reflexión e visibilidade para o sector alimentario galego, no que se analizan os principais retos da industria e se poñen en valor as mellores prácticas empresariais.
Este ano celebrarase a XII edición dos Premios Galicia Alimentación, que terá lugar o 11 de xuño na Cidade da Cultura, nunha xornada que volverá reunir a empresas, profesionais e representantes institucionais para recoñecer proxectos destacados en ámbitos clave como a innovación, a sustentabilidade, a competitividade e a creación de valor no sector alimentario galego.
A renovación deste convenio reforza unha colaboración madura e estable que se achega á súa primeira década de traxectoria, sustentada nunha visión compartida de futuro para o sector agroalimentario galego. A continuidade do Encontro Internacional de Compradores, o fortalecemento de Salimat Abanca como evento profesional de referencia e a celebración dos XII Premios Galicia Alimentación contribúen a consolidar un ecosistema de apoio eficaz para as empresas do sector.









