O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Xunta de Galicia colaboran para a posta en marcha dunha oficina técnica que facilite o impulso e a captación de proxectos no sector alimentario no marco dos fondos Next Generation. Para alcanzar este obxectivo, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, firmará un convenio ca asociación que permitirá activar unha infraestrutura que aspira a promover a transformación do sector en Galicia a través da mobilización de iniciativas tanto con fondos europeos como atendendo a outras convocatorias.
Neste sentido, o acordo, que conta cun financiamento plurianual de máis de 200.000 euros, reforzará a cooperación público-privada na industria. O obxectivo é optimizar os recursos e facilitar a transformación do tecido empresarial mediante unha transición tecnolóxica, dixital e ecolóxica baseada na innovación e o desenvolvemento de procesos de fabricación e produtos saudables, innovadores e sustentables, que redunde nunha industria xeradora de emprego de calidade.
Deste xeito, Galicia busca posicionarse ante a convocatoria do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) para o sector agroalimentario. Esta oficina técnica permitirá traballar na mobilización dos distintos actores e territorios das cadeas agro e mar – industria a través da competitividade, a sustentabilidade e a trazabilidade. Segundo confirmou o Goberno central na reunión mantida esta semana polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, coa ministra de Industria, Comercio e Tursimo, Reyes Maroto, este Perte convocarase no primeiro trimestre de 2022.
Ademais, a oficina facilitará o desenvolvemento doutras accións, actuando como observatorio dos programas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e outras convocatorias nacionais e europeas; identificando as oportunidades e definindo os proxectos tractores e singulares compatibles cos diferentes programas e liñas; prestando asistencia e soporte ás empresas e entidades na preparación, tramitación e presentación de propostas de interese; apoiando a súa tramitación técnica e administrativa; e facendo un seguimento e avaliación dos proxectos levados a cabo.
Coa posta en marcha desta oficina, Clusaga reforza a súa colaboración coa Xunta, que permitu, entre outras accións, o desenvolvemento da Business Factory Food ( BFFood). Esta aceleradora do sector alimentario en Galicia está a reforzar a competitividade e a presenza exterior desta industria galega, dando soporte a proxectos innovadores que ofrecen respostas aos retos actuais.
O obxectivo é atraer e impulsar proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, para facer fronte aos retos do sector nunha contorna global. BFFood está enfocada a resolver os retos das empresas do sector, para o que lanza unha convocatoria pública cuxo obxectivo é buscar, identificar e seleccionar proxectos que estean aliñados coa resolución dos retos expostos e apoialos para chegar ao mercado con maiores garantías éxito.