O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Xunta de Galicia reuníronse para sentar as bases da colaboración para a posta en marcha dun programa de desenvolvemento do sector lácteo galego. Así, o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director de Agacal, José Luis Cabarcos; e o director de Clusaga, Roberto Alonso, mantiveron unha reunión de traballo este martes para afondar na cuestión.
A reunión dá continuidade a outros encontros mantidos con anterioridade e supón un novo chanzo na cooperación entre Clusaga e a Consellería do Medio Rural. En concreto, o obxectivo fundamental desta iniciativa é mellorar a competitividade e o posicionamento do sector alimentario en xeral e do lácteo en particular.
Por parte da Xunta valorarase a proposta do Clusaga, que vai en liña cos obxectivos da Estratexia de dinamización do sector lácteo en aspectos como a necesidade de mellorar a profesionalidade do sector produtor, impulsar o I+D+i e a profesionalización da industria ou fomentar a diferenciación e o consumo de produtos lácteos galegos.
Tamén se procurará sensibilizar á sociedade sobre a importancia deste ámbito e mellorar a interlocución e a transparencia entre os diferentes elos da cadea, así como a transferencia de coñecemento ao sector.