O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) acolleu o pasado 17 de xaneiro a visita do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez, e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde Acuña, no eido da sinatura de renovación do convenio Competemar. Esta iniciativa autonómica apoiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar e dinamizada por Clusaga, continuará en 2025 impulsando a internacionalización do sector mar-industria galego, contando como base os éxitos acadados durante 2024.
En representación de Clusaga, o encontro contou coa presenza de Juan José de la Cerda, CEO; Andrés Rodríguez, presidente; José Martínez Calvo, tesoureiro; Roberto Alonso, director e Ana Santorum, responsable da área de Mercados e Internacionalización. Durante a reunión, destacáronse os fitos da actividade do clúster e os éxitos acadados no marco do primeiro convenio. Ademais, celebrouse unha breve reunión de traballo entre as delegacións, na que se abordaron cuestións clave, como a recollida de datos relevantes sobre as feiras promovidas pola Consellería.
Competemar é unha iniciativa que busca aumentar a resiliencia do sector a través da capacitación e da internacionalización. Para acadalo, no ano 2024 contou cunha aceleradora de internacionalización dirixida ás empresas galegas do sector mar-industria. O seu principal obxectivo foi mellorar a competitividade mediante a identificación de novos mercados internacionais e a implementación de estratexias comerciais que optimicen os recursos dispoñibles.
Outros logros deste convenio, incluíron a formación de máis de 20 representantes do sector en competencias directivas, o desenvolvemento dun curso en comercio internacional que beneficiou a 27 empresas e 36 empregados, e a organización de misións comerciais en mercados clave como Francia e Estados Unidos, onde as empresas puideron explorar novas oportunidades e establecer relacións comerciais internacionais.
Para 2025, Competemar consolidará os éxitos acadados no seu programa e continuará evolucionando con novas iniciativas, como o Programa de Dirección de Empresas Alimentarias (DEA), en colaboración con San Telmo Business School, que ofrecerá formación práctica en liderado e toma de decisións estratéxicas para o sector. Tamén se levará a cabo unha análise integral do sector para identificar o impacto das iniciativas de internacionalización capitaneadas pola Consellería. Ademais, ampliarase o módulo de Competemar Internacional, que ofrecerá formación, misións comerciais e asesoramento especializado.
Outra das novidades será a organización dun evento gastronómico internacional baixo a iniciativa Taste of the Sea, destinada a promover os produtos do mar de Galicia e aumentar a visibilidade da marca Galicia nos mercados globais.
Competemar consolídase como unha plataforma esencial para a capacitación e internacionalización das empresas do sector mar-industria galego, axudando ás empresas a expandirse en mercados internacionais e a fortalecer a súa competitividade. Con esta renovación, o Clúster Alimentario de Galicia reafirma o seu compromiso cun futuro global e competitivo para o sector mar-industria galego.